A QUEN ADORAMOS?
Os magos veñen do «Oriente», un lugar que lle evoca aos xudeus a patria da astroloxía e doutras ciencias estrañas. Son pagáns. Non coñecen as Escrituras Sacras de Israel, pero si a linguaxe das estrelas. Buscan a verdade e póñense en marcha para descubrila. Déixanse guiar polo misterio. Senten a necesidade de «adorar».
A súa presenza provoca un sobresalto en todo Xerusalén. Os magos viron brillar unha estrela nova que lles fai pensar que xa naceu «o rei dos xudeus». «E veñen adoralo». Este rei non é Augusto. Tampouco Herodes. Onde está? Esta é a súa pregunta.
«Herodes sobresáltase». A noticia non lle produce alegría algunha. El é quen foi designado por Roma «rei dos xudeus». Hai que acabar co recentemente nado: Onde está ese rival estraño? Os «sumos sacerdotes e letrados» coñecen as Escrituras e saben que ha nacer en Belén, pero non se interesan polo neno nin se poñen en marcha para adoralo.
Isto é o que atopará Xesús ao longo da súa vida: hostilidade e rexeitamento nos representantes do poder político; indiferenza e resistencia nos dirixentes relixiosos. Só quen busca o reino de Deus e a súa xustiza, o acollerá.
Os magos proseguen a súa longa procura. A estrela que os guía, por veces desaparece deixándoos na incerteza. Outras veces, brilla de novo enchéndoos de «inmensa alegría». Por fin atopan o Neno e, «caendo de xeonllos, adórano». Despois, poñen ao seu servizo as riquezas que teñen e os tesouros máis valiosos que posúen. Este Neno pode contar con eles pois recoñéceno como o seu Rei e Señor.
Na súa aparente inxenuidade, este relato exponnos preguntas decisivas: Ante quen nos axeonllamos nós? Como se chama o «deus» que adoramos no fondo do noso ser? Dicímonos cristiáns, pero vivimos adorando ao Neno de Belén? Poñemos aos seus pés as nosas riquezas e o noso benestar? Estamos dispostos a escoitar a súa chamada a entrar no reino de Deus e a súa xustiza?
Nas nosas vidas sempre hai algunha estrela que nos guía cara a Belén.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




