APRENDER A ADORAR
A DEUS
Hoxe fálase moito de crise de fe, pero apenas se di algo sobre a crise do sentimento relixioso. E, con todo, como apunta algún teólogo, o drama do home contemporáneo non é, talvez, a súa incapacidade para crer, senón a súa dificultade para sentir a Deus como Deus. Incluso os mesmos que se din crentes parecen estar a perder capacidade para viviren certas actitudes relixiosas ante Deus.
Un exemplo claro é a dificultade para adoralo. En tempos non moi afastados parecía fácil sentir reverencia e adoración ante a inmensidade e o misterio insondábel de Deus. É máis difícil hoxe adorar a quen reducimos a un ser estraño, incómodo e superfluo.
Para adorar a Deus é necesario sentírmonos criaturas, infinitamente pequenas ante el, pero infinitamente amadas por el; admirar a súa grandeza insondábel e gustar a súa presenza próxima e amorosa que envolve todo o noso ser. A adoración é admiración. É amor e entrega. É render o noso ser a Deus e ficarnos en silencio agradecido e gozoso ante el, admirando o seu misterio desde a nosa pequeneza.
A nosa dificultade para adorar provén de raíces diversas. Quen vive abouxado interiormente por toda clase de ruídos e zarandeado por mil impresiones pasaxeiras, sen deterse nunca ante o esencial, dificilmente atopará «o rostro adorábel de Deus.
Por outra banda, para adorar a Deus é necesario deterse ante o misterio do mundo e saber miralo con amor. Quen mira a vida amorosamente até o fondo comezará a albiscar as pegadas de Deus antes do que sospeita.
Só Deus é adorábel. Nin as cousas máis valiosas nin as persoas máis amadas son dignas de ser adoradas como el. Por iso só quen é libre interiormente pode adorar a Deus de verdade.
Esta adoración a Deus non afasta do compromiso. Quen adora a Deus loita contra todo o que destrúe ao ser humano, que é a súa «imaxe sacra». Quen adora ao Creador respecta e defende a súa creación. Están intimamente unidas adoración e solidariedade, adoración e ecoloxía. Enténdense as palabras do gran científico e místico Teilhard de Chardin: «Canto máis home se faga home, tanto máis experimentará a necesidade de adorar».
O relato dos magos ofrécenos un modelo de auténtica adoración. Estes sabios saben mirar o cosmos até o fondo, captar os signos, achegárense ao Misterio e ofrecer a súa humilde homenaxe a ese Deus encarnado na nosa existencia.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



