ORIENTÁRMONOS
CARA A DEUS
Non hai técnicas nin métodos que conduzan de forma automática cara a Deus. Pero si hai actitudes e xestos que poden dispornos ás persoas a preparármonos ao encontro con el. E máis aínda. As palabras máis belas e os discursos máis brillantes sobre Deus son inútiles se cada un non nos abrimos a el. Como?
O máis importante para orientármonos cara a Deus é invocalo desde o fondo do corazón, a soas, na intimidade da propia conciencia. É aí onde un se abre confiadamente ao misterio de Deus ou decide vivir só, de forma atea, sen Deus. Pero pode invocarse a Deus mesmo cando un non cre nel nin está seguro de nada? Carlos de Foucauld e outros non crentes iniciaron a súa procura de Deus con esta invocación: «Deus, se existes, móstrame o teu rostro». Esta invocación humilde e sincera no medio da escuridade é, probablemente, un dos camiños máis puros para facérmonos sensíbeis ao misterio de Deus.
Para orientármonos cara a Deus tamén é importante eliminarmos da propia vida aquilo que nos está impedindo atopármonos con el. Se un, por exemplo, ten a pretensión de sabelo todo e de comprender xa o misterio último da realidade, do ser humano, da vida e da morte, é difícil que busque de verdade a Deus. Se un vive encollido por diferentes medos ou afundido na desesperanza, como se vai abrir con confianza a un Deus que o ama sen fin? Se alguén se fecha no seu propio egoísmo e só sente desamor e indiferenza cara aos demais, como poderá abrirse a un Deus que só é Amor?
Para orientármonos cara a Deus é importante mantermos o desexo, perseverarmos na procura, seguir invocando, saber esperar. Non hai outra forma de camiñarmos cara ao Misterio de quen é a fonte da vida. O relato dos magos destaca de moitas formas a súa actitude exemplar na procura do Salvador. Estes homes saben pórse en camiño cara ao Misterio.
- Saben preguntar humildemente,
- superar momentos de escuridade,
- perseverar na procura
- e adorar a Deus encarnado na fraxilidade dun ser humano.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire