SEGUIR A ESTRELA
Estamos demasiado afeitos ao relato dos Magos. Por outra banda, hoxe apenas temos tempo para detérmonos a contemplar amodo as estrelas. Probabelmente non é só un asunto de tempo. Pertencemos a unha época na que é máis fácil ver a escuridade da noite que os puntos luminosos que brillan no medio de calquera tebra.
Con todo, non deixa de ser conmovedor pensar naquel escritor cristián que, ao elaborar o relato dos Magos, imaxinounos no medio da noite, seguindo a pequena luz dunha estrela. A narración respira a convicción profunda dos primeiros crentes despois da resurrección. En Xesús cumpríronse as palabras do profeta Isaías: «O pobo que camiñaba en tebras viu unha luz grande. Habitaban nunha terra de sombras, e unha luz brillou ante os seus ollos» (Isaías 9,1).
Sería unha inxenuidade pensar que nós estamos a vivirmos unha hora especialmente escura, tráxica e angustiosa. Non é precisamente esta escuridade, frustración e impotencia que captamos nestes momentos un dos trazos que acompañan case sempre o camiñar do ser humano ao longo dos séculos?
Basta abrirmos as páxinas da historia. Sen dúbida atopamos momentos de luz en que se anuncian grandes liberacións, entrevense mundos novos, ábrense horizontes máis humanos. E logo, que vén? Revolucións que crean novas escravitudes, logros que provocan novos problemas, ideais que terminan en «solucións a medias», nobres loitas que acaban en «pactos mediocres». De novo as tebras.
Non é estraño que se nos diga que «ser home é moitas veces unha experiencia de frustración». Pero esa non é toda a verdade. A pesar de todos os fracasos e frustracións, o home volve recompoñerse, volve esperar, volve poñerse en marcha en dirección a algo. Hai no ser humano algo que o chama unha e outra vez á vida e á esperanza. Hai sempre unha estrela que volve acenderse.
Para os crentes, esa estrela conduce sempre a Xesús. O cristián non cre en calquera mesianismo. E por iso non cae tampouco en calquera desencanto. O mundo non é «un caso desesperado». Non está en tebra completa. O mundo está orientado cara á súa salvación. Deus será un día o fin do exilio e as tebras. Luz total. Hoxe só o vemos nunha humilde estrela que nos guía cara a Belén.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire





