UNHA NOITE DIFERENTE
O Nadal encerra un segredo que, desgraciadamente, escapa a moitos dos que nesas datas celebran «algo» sen saberen exactamente que. Non poden sospeitaren que o Nadal ofrece a clave para descifraren o misterio último da nosa existencia.
Xeración tras xeración, os seres humanos gritaron angustiados as súas preguntas máis fondas. Por que temos que sufrir, se desde o máis íntimo do noso ser todo nos está a chamar para a felicidade? Por que tanta frustración? Por que a morte, se nacemos para a vida? Os homes preguntaban. E preguntaban a Deus, pois, dalgunha maneira, cando buscamos o sentido último do noso ser estamos a apuntar cara a El. Pero Deus gardaba un silencio impenetrábel.
No Nadal, Deus falou. Temos xa a súa resposta. Non nos falou para dicirnos palabras fermosas sobre o sufrimento. Deus non ofrece palabras. «A Palabra de Deus fíxose carne». É dicir, máis que darnos explicacións, Deus quixo sufrir na nosa propia carne os nosos interrogantes, sufrimentos e impotencia.
Deus non dá explicacións sobre o sufrimento, senón que sofre connosco. Non responde ao porqué de tanto dor e humillación, senón que el mesmo se humilla. Non responde con palabras ao misterio da nosa existencia, senón que nace para vivir el mesmo a nosa aventura humana.
Xa non estamos perdidos na nosa inmensa soidade. Non estamos mergullados en puras tebras. El está connosco. Hai unha luz. «Xa non somos solitarios, senón solidarios» (Leonardo Boff). Deus comparte a nosa existencia.
Isto cambia todo. Deus mesmo entrou na nosa vida. É posíbel vivirmos con esperanza. Deus comparte a nosa vida, e con el podemos camiñar cara á salvación. Por iso o Nadal é sempre para os crentes unha chamada a renacermos. Unha invitación para reavivarmos a alegría, a esperanza, a solidariedade, a fraternidade e a confianza total no Pai.
Lembremos as palabras do poeta Angelus Silesius: «Aínda que Cristo naza mil veces en Belén, mentres non naza no teu corazón estarás perdido para o máis aló: daquela nacerías en balde».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire