ONDE BUSCARMOS A QUEN VIVE?
A fe en Xesús, resucitado polo Pai, non xurdiu de maneira natural e espontánea no corazón dos discípulos. Os evanxelistas, antes de atopárense con el, cheo de vida, falan do seu propio desconcerto, e da procura do Señor ao redor do sepulcro, dos seus interrogantes e incertezas.
María de Magdala é o mellor exemplo do que acontece probabelmente en todos. Segundo o relato de Xoán, busca ao Crucificado no medio das tebras, «cando aínda estaba escuro». Como é natural, búscao «no sepulcro». Aínda non sabe que a morte foi vencida. Por iso, o baleiro do sepulcro déixaa desconcertada. Sen Xesús séntese perdida.
Os outros evanxelistas recollen outra tradición que describe a procura de todo o grupo das mulleres. Non poden esquecer ao Mestre que as acolleu como discípulas: o seu amor lévaas ata o sepulcro. Non atopan alí a Xesús, pero escoitan a mensaxe que lles indica cara a onde teñen de orientar a súa procura: «Por que buscades entre os mortos a quen vive? Non está aquí. Resucitou».
A fe en Cristo resucitado non nace tampouco hoxe en nós de forma espontánea. Só porque llo escoitamos desde nenos ás catequistas e aos predicadores. Para abrírmonos á fe na resurrección de Xesús temos de facer o noso propio percorrido. É decisivo non esquecermos a Xesús. Amalo con paixón e buscalo con todas as nosas forzas. Pero non no mundo dos mortos. Ao que vive temos de buscalo onde hai vida.
Se queremos atopármonos con Cristo resucitado, cheo de vida e de forza creadora, habémolo buscar non nunha relixión morta, reducida ao cumprimento e a observancia externa de leis e normas, senón alí onde se está a vivir segundo o Espírito de Xesús, acollido con fe, con amor e con responsabilidade polos seus seguidores.
Témolo de buscar, non entre cristiáns divididos e enfrontados en loitas estériles, baleiras de amor a Xesús e de paixón polo evanxeo, senón alí onde imos construíndo comunidades que poñen a Cristo no seu centro: porque saben que «onde están reunidos dous ou tres no seu nome, alí está el».
Ao que vive non o atoparemos nunha fe estancada e rutineira, gastada por toda clase de tópicos e fórmulas baleiras de experiencia, senón buscando unha calidade nova na nosa relación con el e na nosa identificación co seu proxecto. Un Xesús apagado e inerte, que non namora nin seduce, que non toca os corazóns nin contaxia a súa liberdade, é un «Xesús morto». Non é o Cristo vivo, resucitado polo Pai. Non é quen vive e fai vivir.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



