INVOCACIÓN AO ESPÍRITO
Ven, Espírito Santo. Esperta a nosa fe débil, pequena e vacilante. Ensínanos a vivirmos confiando no amor insondábel de Deus, o noso Pai, a todos os seus fillos e fillas, estean dentro ou fóra da túa Igrexa. Se se apaga esta fe nos nosos corazóns, ben axiña morrerá tamén nas nosas comunidades e igrexas.
Ven, Espírito Santo. Fai que Xesús ocupe o centro da túa Igrexa. Que nada nin ninguén o suplante nin escureza. Non vivas entre nós sen atraernos cara ao seu Evanxeo e sen converternos ao seu seguimento. Que non fuxamos da súa Palabra, nin nos desviemos do seu mandato do amor. Que non se perda no mundo a súa memoria.
Ven, Espírito Santo. Abre os nosos oídos para escoitarmos as túas chamadas, que nos chegan hoxe, desde os interrogantes, sufrimentos, conflitos e contradicións dos homes e mulleres dos nosos días. Fainos vivir abertos ao teu poder para procrear a fe nova que necesita esta sociedade nova. Que, na túa Igrexa, vivamos máis atentos ao que nace que ao que morre, co corazón sostido pola esperanza e non minado pola nostalxia.
Ven, Espírito Santo. Purifica o corazón da túa Igrexa. Pon verdade entre nós. Ensínanos a recoñecer os nosos pecados e limitacións. Lémbranos que somos como todos: fráxiles, mediocres e pecadores. Libéranos da nosa arrogancia e falsa seguridade. Fai que aprendamos a camiñar entre os homes con máis verdade e humildade.
Ven, Espírito Santo. Ensínanos a mirar de maneira nova a vida, o mundo e, sobre todo, as persoas. Que aprendamos a mirar como Xesús miraba aos que sofren, os que choran, os que caen, os que viven soíños e esquecidos. Se cambia a nosa mirada, cambiará tamén o corazón e o rostro da túa Igrexa. Os discípulos de Xesús irradiaremos mellor a súa proximidade, a súa comprensión e solidariedade cara aos máis necesitados. Parecerémonos máis ao noso Mestre e Señor.
Ven, Espírito Santo. Fai de nós unha Igrexa de portas abertas, corazón compasivo e esperanza contaxiosa. Que nada nin ninguén nos distraia ou desvíe do proxecto de Xesús: facermos un mundo máis xusto e digno, máis amábel e ditoso, abrindo camiños ao reino de Deus.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




