ABERTAS AO PROXECTO DE DEUS
Os relatos evanxélicos non ofrecen dúbida algunha. Segundo Xesús, Deus ten un gran proxecto: construír no mundo unha gran familia humana. Atraído por este proxecto, Xesús dedícase enteiramente a que todos sintan a Deus como Pai e todos aprendan a viviren coma irmáns. Este é o camiño que conduce á salvación do xénero humano.
Para algúns, a familia actual está a arruinarse porque se perdeu o ideal tradicional de «familia cristiá». Para outros, calquera novidade é un progreso cara a unha sociedade nova. Pero como é unha familia aberta ao proxecto humanizador de Deus? Que trazos poderiamos destacar?
Amor entre os esposos. É o primeiro. O fogar está vivo cando os pais saben quererse, apoiarse mutuamente, compartir penas e alegrías, perdoarse, dialogar e confiar o un no outro. A familia empézase a deshumanizar cando crece o egoísmo, as discusións e malentendidos.
Relación entre pais e fillos. Non abonda co amor entre os esposos. Cando pais e fillos viven enfrontados e sen apenas comunicación algunha, a vida familiar faise imposíbel, a alegría desaparece, todos sofren. A familia necesita un clima de confianza mutua para pensar no ben de todos.
Atención aos máis fráxiles. Todos han atoparen no seu fogar acollida, apoio e comprensión. Pero a familia faise máis humana, sobre todo, cando nela se coida con amor e agarimo aos máis pequenos, cando se quere con respecto e paciencia aos maiores, cando se atende con solicitude aos enfermos ou discapacitados, cando non se abandona aos que o están a pasar mal.
Apertura aos necesitados. Unha familia traballa por un mundo máis humano, cando non se encerra nos seus problemas e intereses, senón que vive aberta ás necesidades doutras familias: fogares rotos que viven situacións conflitivas e dolorosas, e necesitan apoio e comprensión; familias sen traballo nin ingreso algún, que necesitan axuda material; familias de inmigrantes que piden acollida e amizade.
Crecemento da fe. Na familia apréndese a vivir as cousas máis importantes. Por iso, é o mellor lugar para aprendermos a crer nese Deus bo, Pai de todos; para coñecermos o estilo de vida de Xesús; para descubrirmos a súa Boa Noticia; para rezarmos xuntos ao redor da mesa; para tomarmos parte na vida da comunidade de seguidores de Xesús. Estas familias cristiás contribúen a construíren ese mundo máis xusto, digno e ditoso querido por Deus. Son unha bendición para a sociedade.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire