EDUCAR NA FE NOS NOSOS DÍAS
A pasaxe de Lucas termina dicindo: «O neno, pola súa banda, ía crecendo e robustecéndose, cheo de sabedoría; e a graza de Deus estaba con el».
Cando falamos hoxe de «educar na fe», que queremos dicir? En concreto, o obxectivo é que os fillos entendan e vivan de maneira responsábel e coherente a súa adhesión a Xesús Cristo, aprendendo a vivir de maneira sa e positiva desde o Evanxeo.
Pero a día de hoxe a fe non se pode vivir de calquera xeito. Os fillos necesitan aprender a ser crentes no medio dunha sociedade descristianizada. Isto esixe vivir unha fe personalizada, non por tradición, senón froito dunha decisión persoal; unha fe vivida e experimentada, é dicir, unha fe que se alimenta non de ideas e doutrinas, senón dunha experiencia gratificante; unha fe non individualista, senón compartida dalgunha maneira nunha comunidade crente; unha fe centrada no esencial, que pode coexistir con dúbidas e interrogantes; unha fe non vergoñante, senón comprometida e testemuñada no medio dunha sociedade indiferente.
Isto esixe todo un estilo de educarmos hoxe na fe, onde o importante é transmitirmos unha experiencia máis do que ideas e doutrinas; ensinar a vivirmos valores cristiáns máis do que o sometemento a unhas normas; desenvolver a responsabilidade persoal máis do que impoñermos costumes; introducir na comunidade cristiá máis do que desenvolvermos o individualismo relixioso; cultivar a adhesión confiada a Xesús máis do que resolvermos de maneira abstracta problemas de fe.
Na educación da fe, o decisivo é o exemplo. Que os fillos poidan atopar no seu propio fogar «modelos de identificación», que non lles sexa difícil ver e saber coma quen deberían comportarse para viviren a súa fe de maneira sa, gozosa e responsábel.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire