BANDEIRA DISCUTIDA
Simeón é unha personaxe entrañábel. Imaxinámolo case sempre como un sacerdote ancián do Templo, pero nada disto nos di o texto. Simeón é un home bo do pobo, que garda no seu corazón a esperanza de ver un día «o consolo» que tanto necesitan. «Impulsado polo Espírito de Deus», sobe ao templo no momento en que están entrando María, Xosé e máis o seu neno, Xesús.
O encontro é conmovedor. Simeón recoñece no neno, que trae consigo aquela parella pobre de xudeus piadosos, ao Salvador que leva el tantos anos esperando. O home séntese feliz. Nun xesto atrevido e maternal, «toma o neno no seu colo, nos seus brazos» con amor e agarimo grande. Bendí a Deus e bendí aos pais. Sen dúbida, o evanxelista preséntao como modelo. Así temos de acollermos nós ao Salvador.
Pero, de súpeto, diríxese a María e o seu rostro cambia. As súas palabras non presaxian nada tranquilizador: «Unha espada hache traspasar a alma».
Este neno que el ten nos seus brazos será unha «bandeira discutida»: fonte de conflitos e enfrontamentos. Xesús fará que «uns caian e outros se levanten». Uns o acollerán e a súa vida adquirirá unha dignidade nova: a súa existencia encherase de luz e de esperanza. Outros rexeitarano e a súa vida hase botar a perder: o rexeitamento deXesús será a súa ruína.
Ao tomaren postura ante Xesús, «ficará clara a actitude de moitos corazóns». E poñerá ao descuberto o que hai no máis profundo das persoas. A acolleita deste neno pide un cambio profundo. Xesús non vén traer tranquilidade, senón xerar un proceso doloroso e conflitivo de conversión radical.
Sempre é así. Tamén hoxe. Unha Igrexa que tome en serio a súa conversión a Xesús Cristo, non será nunca un espazo de tranquilidade senón de conflito. Non é posíbel unha relación máis vital con Xesús sen dar pasos cara a maiores niveis de verdade. E isto é sempre doloroso para todos.
Canto máis nos acheguemos a Xesús, mellor veremos as nosas incoherencias e desviacións; o que hai de verdade ou de mentira no noso cristianismo; o que hai de pecado nos nosos corazóns e as nosas estruturas, nas nosas vidas e nas nosas teoloxías.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire