MARÍA, A NAI DE XESÚS
Pasado un certo eclipse da devoción mariana, provocado en parte por abusos e desviacións notábeis, os cristiáns volvemos interesarnos por María para descubrirmos o seu verdadeiro lugar dentro da experiencia cristiá.
Non se trata de acudir a María para escoitarmos «mensaxes apocalípticas» que ameazan con castigos terríbeis a un mundo afundido na impiedade e na increnza, mentres ela ofrece a súa protección Maternal aos que fagan penitencia ou recen determinadas oracións.
Non se trata tampouco de fomentar unha piedade que alimente secretamente unha relación infantil de dependencia e fusión cunha nai idealizada. Fai xa tempo que a psicoloxía nos puxo en garda fronte aos riscos dunha devoción que exalta falsamente a María como «Virxe e Nai», favorecendo, no fondo, un desprezo cara á «muller real» como eterna tentadora do varón.
O primeiro criterio para comprobar a «verdade cristiá» de toda devoción a María é ver se reprega ao crente sobre si mesmo ou se o abre ao proxecto de Deus; se o fai retroceder cara a unha relación infantil cunha «nai imaxinaria» ou se o impulsa a vivir a súa fe de forma adulta e responsábel en seguimento fiel a Xesús-Cristo
Os mellores esforzos da marioloxía actual tratan de conducir aos cristiáns a unha visión de María como Nai de Xesús-Cristo, primeira discípula do seu Fillo e modelo de vida autenticamente cristiá.
Máis en concreto, María é hoxe para nós modelo de acollida fiel de Deus desde unha postura de fe obediente; exemplo de actitude servizal ao seu Fillo e de preocupación solidaria por todos os que sofren; muller comprometida polo «reino de Deus» predicado e impulsado polo seu Fillo.
Nestes tempos de cansazo e pesimismo incrente, María, coa súa obediencia radical a Deus e a súa esperanza confiada, pode conducirnos cara a unha vida cristiá máis fonda e máis fiel a Deus.
A devoción a María non é, pois, un elemento secundario para alimentar a relixión de xentes «sinxelas», inclinadas a prácticas e ritos case «folclóricos». Achegarnos a María é, máis ben, colocarnos no mellor punto para descubrirmos o misterio de Cristo e acollelo. O evanxelista Mateu recórdanos a María como a nai do «Emmanuel», é dicir, a muller que nos pode achegar a Xesús, «o Deus connosco».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire