DIANTE DUN NOVO ANO
Di o teólogo Ladislao Boros nalgún dos seus escritos que un dos principios cardinais da vida cristiá consiste en que «Deus comeza sempre de novo». Con el nada hai definitivamente perdido. Non todo é comezo e renovación.
Por dicilo dun xeito sinxelo, Deus non se deixa desalentar pola nosa mediocridade. A forza renovadora do seu perdón e da súa graza é máis vigorosa do que os nosos erros ou o noso pecado. Con El todo pode comezar de novo.
Por iso, é bo comezar o ano con vontade de renovación. Cada ano que se nos ofrece de vida é un tempo aberto a novas posibilidades, un tempo de graza e de salvación no que se nos invita a vivirmos de xeito novo. Por iso, é importante escoitarmos as preguntas que poden brotar do noso interior.
Que espero eu do novo ano? Será un ano dedicado a «facer cousas», resolver asuntos, acumular tensión, nerviosismo e malhumor ou será un ano no que aprenderei a vivir de xeito máis humano?
Que é o que realmente quero eu deste ano? A que dedicarei o tempo máis precioso e importante? Será, unha vez máis, un ano baleiro, superficial e rutineiro, ou un ano no que amarei a vida con gozo e gratitude?
Que tempo reservarei para o descanso, o silencio, a música, a oración, o encontro con Deus? Alimentarei a miña vida interior ou vivirei de xeito axitado, en permanente actividade, correndo dunha ocupación para a outra, sen saber exactamente que quero nin para que vivo?
Que tempo dedicarei ao goce íntimo coa miña parella e á convivencia gozosa cos fillos? Vivirei fóra do meu fogar organizando a vida ao meu aire ou saberei amar con máis dedicación e tenrura aos meus?
Con quen me atoparei este ano? A que persoas me achegarei? Poñerei nelas alegría, vida, esperanza, ou contaxiarei desalento, tristura e morte? Por onde eu pase, a vida será máis gozosa e levadeira ou máis dura e penosa?
Vivirei este ano preocupado só polo pequeno benestar de meu ou heime interesar tamén por facer felices aos demais? Encerrareime no meu vello egoísmo de sempre ou vivirei dun xeito creativo, tratando de facer ao meu ao redor un mundo máis humano e habitábel?
Seguirei vivindo de costas a Deus ou heime atrever a crer que El é o meu mellor Amigo? Permanecerei mudo ante El, sen abrir os meus beizos nin o meu corazón; ou brotará, por fin, desde o meu interior unha invocación humilde pero sincera?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire