NACEUNOS O SALVADOR
Aos poucos, ímolo conseguindo. Xa logramos celebrar unhas festas entrañábeis sen coñecermos exactamente a súa razón de ser. Felicitámonos uns a outros e non sabemos por que. Anúnciase o Nadal e ocúltase o seu motivo. Moitos non lembran xa onde está o corazón destas festas. Por que non escoitar o «primeiro pregón» de Nadal? Compúxoo o evanxelista Lucas cara ao ano 80 despois de Cristo.
Segundo o relato: É noite pechada. De súpeto, unha grande «claridade» envolve co seu resplandor a uns pastores. O evanxelista dinos que é a «gloria do Señor». A imaxe é grandiosa: a noite fica iluminada. Con todo, os pastores «énchense de temor». Non teñen medo ás tebras, senón á luz. Por iso o anuncio empeza con estas palabras: «Non temades». Non temos de estrañarnos. Preferimos vivir en tebras. Dános medo a luz de Deus. Non queremos vivir na verdade. Quen non poña estes días máis luz e verdade na súa vida non celebrará o Nadal.
O mensaxeiro continúa: «Tráiovos a Boa Noticia, a gran alegría para todo o pobo». A alegría de Nadal non é unha máis entre outras. Non hai que confundila con calquera benestar, satisfacción ou goce. É unha alegría «grande», inconfundíbel, que vén da «Boa Noticia» de Xesús. Por iso é «para todo o pobo» e ten de chegar sobre todo aos que sofren e viven tristes.
Se xa Xesús non é unha «boa noticia»; se o seu Evanxeo non nos di nada; se non coñecemos a alegría que só nos pode chegar de Deus; se reducimos estas festas para gozar cada un do seu benestar ou a alimentar un gozo relixioso egoísta, … celebraremos calquera cousa menos o Nadal.
A única razón para celebrala é esta: «Naceuvos hoxe o Salvador». Ese neno non só lles naceu a María e Xosé. Non é seu. É de todos. É «o Salvador» do mundo. O único en quen podemos poñer a nosa última esperanza. Este mundo que coñecemos non é a verdade definitiva. Xesús Cristo é a esperanza de que a inxustiza que hoxe envolve todo non prevalecerá para sempre.
Sen esta esperanza non hai Nadal. Espertaremos os nosos mellores sentimentos, gozaremos do fogar e a amizade, regalarémonos momentos de felicidade. Todo iso é bo. Moi bo. Porén, aínda non é Nadal.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire