DEUS ENCARNADO
O Nadal obríganos a revisarmos ideas e imaxes que habitualmente temos de Deus, pero que nos impiden achegármonos ao seu verdadeiro rostro. Deus non se deixa aprisionar nos nosos esquemas e moldes de pensamento. Non segue os camiños que nós lle marcamos. Deus é imprevisíbel.
Imaxinámolo forte e poderoso, maxestoso e omnipotente, pero el ofrécesenos na fraxilidade dun neno débil, nacido na máis absoluta sinxeleza e pobreza. Colocámolo case sempre no extraordinario, no prodixioso e sorprendente, pero el preséntasenos no cotián, no normal e ordinario. Imaxinámolo grande e afastado, e el fáísenos pequeno e próximo.
Non. Este Deus encarnado no neno de Belén non é o que nós esperabamos. Non está á altura do que nós tiñamos imaxinado. Este Deus pódenos decepcionar. Porén, non é precisamente este Deus próximo a quen necesitamos cabo de nós? Non é esta proximidade ao humano a que mellor revela o verdadeiro misterio de Deus? Non se manifesta na debilidade deste neno a súa verdadeira grandeza?
O Nadal recórdanos que a presenza de Deus non responde sempre ás nosas expectativas. El ofrecésenos onde nós menos o esperamos. Certamente temos de buscalo na oración e no silencio, na superación do egoísmo, na vida fiel e obediente á súa vontade, pero Deus pódesenos ofrecer cando quere e como quere, ata no máis ordinario e común da vida.
Agora sabemos que o podemos atopar en calquera ser indefenso e débil que necesita da nosa acollida. Pode estar nas bágoas dun neno ou na soidade dun ancián. No rostro de calquera irmán podemos descubrir a presenza dese Deus que se quixo encarnar no humano.
Esta é a fe revolucionaria do Nadal, o escándalo máis grande do cristianismo, expresado de xeito lapidario por Paulo: «Cristo, malia a súa condición divina, non se aferrou á súa categoría de Deus; ao contrario, desposuíse do seu rango e tomou a condición de servo, facéndose un de tantos e presentándose coma un simple home» (Filipenses 2,6-7).
O Deus cristián non é un Deus desencarnado, afastado e inaccesíbel. É un Deus encarnado, próximo. Un Deus ao que podemos tocar dalgún xeito sempre que tocamos o humano.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



