A QUEN ACUDIREMOS?
Quen se achega a Xesús, con frecuencia ten a impresión de atoparse con alguén estrañamente actual e máis presente aos nosos problemas de hoxe do que moitos dos nosos contemporáneos.
Hai xestos e palabras de Xesús que nos impactan aínda hoxe porque tocan o nervio dos nosos problemas e preocupacións máis vitais. Son xestos e palabras que se resisten ao paso dos tempos e ao cambio das ideoloxías. Os séculos transcorridos non amorteceron a forza e a vida que encerran, a pouco que esteamos atentos e abramos sinceramente o noso corazón.
Con todo, ao longo de vinte séculos é moito o po que inevitabelmente se ten de ir acumulando sobre a súa persoa, a súa actuación e a súa mensaxe. Un cristianismo cheo de boas intencións e fervores venerábeis impediu ás veces a moitos cristiáns sinxelos atopárense coa frescura chea de vida daquel que perdoaba ás prostitutas, abrazaba aos meniños, choraba cos amigos, contaxiaba esperanza e invitaba á xente a viviren con liberdade o amor dos fillos de Deus.
Cantos homes e mulleres han ter que escoitaren as disquisicións de moralistas ben intencionados e as exposicións de predicadores ilustrados sen lograr atopárense con el.
Non nos ha estrañar a interpelación do escritor francés Jean Onimus: «Por que vas ser ti propiedade privada de predicadores, doutores e dalgúns eruditos, ti que dixeches cousas tan sinxelas, tan directas, palabras que seguen a ser palabras de vida para todos os homes?».
Se moitos cristiáns que se han ir afastando estes anos da Igrexa coñecesen directamente os evanxeos, sentirían de novo aquilo expresado un día por Pedro: «Señor, a quen imos ir? Só Ti tes palabras de vida eterna. Nós cremos».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



