CON VERDADE
É raro que unha persoa poida vivir a vida enteira sen exporse nunca ao sentido último da existencia. Por moi frívolo que sexa o discorrer dos seus días, tarde ou cedo prodúcense «momentos de ruptura» que poden facer xurdir na persoa interrogantes de fondo sobre o problema da vida.
Hai horas de intensa felicidade que nos obrigan a preguntármonos por que a vida non é sempre dita, felicidade, boaventura, sorte e plenitude. Momentos de desgraza que espertan en nós pensamentos sombríos e avesos. Por que tanto sufrimento? Merece a pena vivir? Hai instantes de maior lucidez que nos conducen ás cuestións fundamentais: Quen son eu? Que é a vida? Que me espera?
Tarde ou cedo, dunha maneira ou doutra, toda persoa termina por interrogarse un día polo sentido da vida. Todo pode ficar aí ou pode tamén espertarse de maneira calada, pero inevitábel, a cuestión de Deus. As reaccións poden ser entón moi diversas.
Hai quen abandonaron xa hai tempo, se non a Deus, si un conxunto de cousas que tiñan relación con Deus: a Igrexa, a misa dominical, os dogmas. Aos poucos fóronse desprendendo de algo que xa non ten interese algún para eles. E abandonado todo ese mundo relixioso, que facer agora ante a cuestión de Deus?
Outros abandonaron mesmo a idea de Deus. Non teñen necesidade del. Parécelles algo inútil e superfluo. Deus non lles achega nin engade nada positivo. Ao contrario, teñen a impresión de que lles complicaría a existencia. Aceptan a vida tal como é, e seguen o seu camiño sen preocupárense excesivamente do final.
Outros viven envoltos na incerteza. Non están seguros de nada: Que é crer en Deus? Como se pode un relacionar con el? Quen sabe algo destas cousas? Mentres tanto, Deus non se impón. Non forza desde o exterior con probas nin evidencias. Non se revela desde dentro con luces ou revelacións. Só é silencio, oportunidade, invitación respectuosa…
Ante Deus, o primeiro de todo é sermos honestos. Non andar eludindo a súa presenza con formulacións pouco sinceras. Quen se esforza por buscar a Deus con honradez e verdade non está lonxe del. Non debemos esquecer unhas palabras de Xesús que poden iluminar a quen vive na incerteza relixiosa: «Todo o que é da verdade escoita a miña voz».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire