APRENDER A DAR
Ás veces non é tan fácil responder ás preguntas máis sinxelas. Oímos dicir con frecuencia que amar é dar. Pero, que é dar? Moitos supoñen que dar é só privarse de algo, renunciar a algo, «sacrificarse» desprendéndose de algo. Estamos tan condicionados pola nosa sociedade do benestar e tan inclinados a posuír, acumular e gañar, que «dar» parécenos algo improdutivo. Un empobrecemento que non estamos dispostos a aceptar. Na nosa sociedade, quen dá sen recibir é unha persoa pouco práctica, sen sentido realista, pouco intelixente.
Con todo, dar é algo totalmente distinto. O xesto de dar é a expresión máis rica de vitalidade, riqueza e poder creador. Cando damos algo de verdade, experimentámonos a nós mesmos cheos de vida, desbordantes, con capacidade de enriquecer a outros, aínda que sexa en grao moi modesto. «Só o amor fai que a vida mereza ser vivida. Só a axuda aos demais procura a gran alegría de vivir» (Karl Tillmann).
Dar significa estar vivo e ser rico. O que ten moito e non sabe dar, non é rico. É un home pequeno, impotente, empobrecido, por moito que posúa. En realidade, só é rico quen é capaz de regalar algo de si mesmo aos demais.
Necesitamos todos escoitar con máis atención e fondura as palabras de Xesús. Non quedará sen recompensa nin sequera ese vaso de auga fresca que saibamos darlle a un pobre sedento. Temos de aprender a regalar o que está vivo en nós e pode facer ben aos demais; dar a nosa alegría, comprensión, alento, esperanza, acollida ou proximidade.
Moitas veces non se trata de cousas grandes nin espectaculares. Sinxelamente, «un vaso de auga fresca»: un sorriso acolledor, unha escoita sen présas, unha axuda para levantar o ánimo decaído, un xesto de solidariedade, unha visita, un signo de apoio e amizade. Non o esquezamos. No fondo da vida hai alguén que bendí, acolle e recompensa todo xesto de amor, por pequeno que nos poida parecer. Chámase Deus, o noso Pai.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




