SEN INSTALARSE NIN MIRAR ATRAS
Seguir a Xesús é o corazón da vida cristiá. O esencial. Nada hai máis importante ou decisivo. Precisamente por iso, Lucas describe tres pequenas escenas para que as comunidades que lean o seu evanxeo, tomen conciencia de que, aos ollos de Xesús, nada pode haber máis urxente e inaprazábel.
Xesús emprega imaxes duras e escandalosas. Vese que quere sacudir as conciencias. Non busca máis seguidores, senón seguidores máis comprometidos, que o sigan sen reservas, renunciando a falsas seguridades e asumindo as rupturas necesarias. As súas palabras suscitan no fondo unha soa cuestión: que relación queremos establecer con el quen nos dicimos seguidores seus?
Primeira escena
Un dos que o acompañan séntese tan atraído por Xesús que, antes de que o chame, el mesmo toma a iniciativa: «Seguireite onde vaias». Xesús faille tomar conciencia do que está a dicir: «As raposas teñen tobos, e os paxaros niños», pero el «non ten onde reclinar a súa cabeza».
Seguir a Xesús é toda unha aventura. El non ofrece aos seus seguridades ou benestar. Non axuda a gañar diñeiro ou adquirir poder. Seguir a Xesús é «vivir de camiño», sen instalármonos no benestar e sen buscarmos un falso refuxio na relixión. Unha Igrexa menos poderosa e máis vulnerábel non é unha desgraza. É o mellor que nos pode suceder para purificarmos a nosa fe e confiarmos máis en Xesús.
Segunda escena
Outro está disposto a seguilo, pero pídelle cumprir primeiro coa obrigación sagrada de «enterrar ao seu pai». A ningún xudeu pode estrañar, pois trátase dunha das obrigacións relixiosas máis importantes. A resposta de Xesús é desconcertante: «Deixa que os mortos enterren aos seus mortos: ti vai anunciar o reino de Deus».
Abrir camiños ao reino de Deus traballando por unha vida máis humana é sempre a tarefa máis urxente. Nada ha atrasar a nosa decisión. Ninguén nos ha reter ou frear. Os «mortos», que non viven ao servizo do reino da vida, xa se dedicarán a outras obrigacións relixiosas menos apremiantes que o reino de Deus e a súa xustiza.
Terceira escena
A un terceiro que quere despedir á súa familia antes de seguilo, Xesús dille: «O que bota man ao arado e segue mirando atrás non vale para o reino de Deus». Non é posíbel seguir a Xesús mirando cara atrás. Non é posíbel abrir camiños ao reino de Deus quedándonos no pasado. Traballar no proxecto do Pai pide dedicación total, confianza no futuro de Deus e audacia para camiñar tralos pasos de Xesús.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire