CON MEDIOS POBRES
Con frecuencia entendemos o acto evanxelizador de maneira excesivamente doutrinal. Levar o Evanxeo sería dar a coñecer a doutrina de Xesús a quen aínda non a coñecen ou a coñecen de maneira insuficiente.
Se entendemos as cousas así, as consecuencias son evidentes. Necesitaremos primeiro de nada «medios de poder» cos que asegurar a propagación da nosa mensaxe fronte a outras ideoloxías, modas e correntes de opinión.
Ademais serán necesarios cristiáns ben formados, que coñezan ben a doutrina e sexan capaces de transmitila de maneira persuasiva e convincente. Necesitaremos tamén estruturas, técnicas e pedagoxías adecuadas para propagar a mensaxe cristiá.
En definitiva, será importante o número de persoas preparadas que, cos mellores medios, cheguen a convencer ao maior número de persoas. Todo isto é moi razoábel e encerra, sen dúbida, grandes valores. Pero, cando se profunda un pouco na actuación de Xesús e na súa acción evanxelizadora, as cousas cambian bastante.
O Evanxeo non é só nin sobre todo unha doutrina. O Evanxeo é a persoa de Xesús: a experiencia humanizadora, salvadora, liberadora que comezou con el. Por iso evanxelizar non é só propagar unha doutrina, senón facer presente no corazón mesmo da sociedade e da vida a forza salvadora da persoa de Xesús Cristo. E isto non se pode facer de calquera xeito.
Para facer presente esa experiencia liberadora, os medios máis adecuados non son os do poder, senón os medios pobres dos que se serviu o mesmo Xesús: amor solidario aos máis abandonados, acollida a cada persoa, ofrecemento do perdón de Dios, creación dunha comunidade fraterna, defensa dos últimos…
Entón, o importante é contar con testemuñas en cuxa vida se poida percibir a forza humanizadora que encerra a persoa de Xesús cando é acollida de maneira responsábel. A formación doutrinal é importante, pero só cando alimenta unha vida máis evanxélica.
O testemuño ten primacía absoluta. As estruturas son necesarias precisamente para soster a vida e o testemuño dos seguidores de Xesús. Por iso o máis importante non é tampouco o número, senón a calidade de vida evanxélica que pode irradiar unha comunidade.
Quizá debamos escoitar con máis atención as palabras de Xesús aos seus enviados: «Non levedes fardel, nin alforxa, nin sandalias». Levade convosco o meu Espírito.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




