SEMENTAR
Ao terminar o relato da parábola do sementador, Xesús fai esta chamada: «O que teña oídos para oír que oia». Pídenos que prestemos moita atención á parábola. Pero, en que habemos reflexionar? No sementador? Na semente? Nos diferentes terreos?
Tradicionalmente, os cristiáns fixámonos case exclusivamente nos terreos en que cae a semente, para revisarmos cal é a nosa actitude ao escoitarmos o Evanxeo. Con todo é importante prestar tamén atención a quen sementa e ao seu modo de sementar.
É o primeiro que di o relato: «Saíu o sementador sementar». Faino cunha confianza sorprendente. Sementa de xeito abundante. A semente cae e cae por todas partes, ata onde parece difícil que poida xerminar. Así o facían os campesiños de Galilea, que sementaban ata no bordo dos camiños e en terreos pedregosos.
Á xente non lle é difícil identificar ao sementador. Así sementa Xesús a súa mensaxe. Veno saír todas as mañás a anunciar a Boa Noticia de Deus. Sementa a súa Palabra entre a xente sinxela, que o acolle, e tamén entre escribas e fariseos, que o rexeitan. Nunca se desalenta. A súa semente non será estéril.
Desbordados por unha forte crise relixiosa, podemos pensar que o Evanxeo perdeu a súa forza orixinal e que a mensaxe de Xesús xa non ten forza para atraer a atención do home ou da muller de hoxe. Certamente, non é o momento de «recoller» éxitos rechamantes, senón de aprendermos a sementar sen desalentarnos, con máis humildade e verdade.
Non é o Evanxeo o que perdeu forza humanizadora; somos nós os que o estamos anunciando cunha fe débil e vacilante. Non é Xesús quen perdeu poder de atracción. Somos nós os que o desvirtuamos coas nosas incoherencias e contradicións.
O papa Francisco di que, cando un cristián non vive unha adhesión forte a Xesús, «axiña perde o entusiasmo e deixa de estar seguro do que transmite, fáltalle forza e paixón. E unha persoa que non está convencida, entusiasmada, segura, namorada, non convence a ninguén».
Evanxelizar non é propagar unha doutrina, senón facer presente no medio da sociedade e no corazón das persoas a forza humanizadora e salvadora de Xesús. E isto non se pode facer de calquera xeito. O máis decisivo non é o número de predicadores, catequistas e ensinantes de relixión, senón a calidade evanxélica que podamos irradiar os cristiáns. Que contaxiamos? Indiferenza ou fe convencida? Mediocridade ou paixón por unha vida máis humana?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire