DESCUBRIRMOS O PROXECTO DE DEUS
Non era fácil crer a Xesús. Algúns sentían atraídos polas súas palabras. Noutros, pola contra, xurdían non poucas dúbidas. Era razoábel seguir a Xesús ou unha tolemia? Hoxe sucede o mesmo: merece a pena comprometerse no seu proxecto de humanizar a vida ou é máis práctico ocupármonos cada un do noso propio benestar? Mentres tanto podemos pasar a vida sen tomar decisión algunha.
Xesús conta dúas parábolas breves. En ambos relatos, o respectivo protagonista atópase cun tesouro enormemente valioso ou cunha perla de valor incalculábel. Os dous reaccionan do mesmo xeito: venden todo o que teñen e fanse co tesouro ou coa perla. Sen dúbida, é o máis sensato e razoábel.
O reino de Deus está «oculto». Moitos non descubriron aínda o proxecto grande que ten Deus dun mundo novo. Con todo, non é un misterio inaccesíbel. Está «oculto» en Xesús, na súa vida e na súa mensaxe. Unha comunidade cristiá que non descubriu o reino de Deus non coñece ben a Xesús, non pode seguir os seus pasos.
O descubrimento do reino de Deus cambia a vida de quen o descobre. A súa «alegría» é inconfundíbel. Atopou o esencial, o mellor de Xesús, o que pode transformar a súa vida. Se os cristiáns non descubrimos o proxecto de Xesús, na Igrexa non haberá alegría.
Os dous protagonistas das parábolas toman a mesma decisión: «venden todo o que teñen». Nada é máis importante do que o «buscaren o reino de Deus e a súa xustiza». Todo o demais vén despois, é relativo e ha quedar subordinado ao proxecto de Deus.
Esta é a decisión máis importante que temos de tomar na Igrexa e nas comunidades cristiás: liberarnos de tantas cousas accidentais para comprometérmonos no reino de Deus. Desposuírmonos do superfluo. Esquecernos doutros intereses. Saber «perder» para «gañar» en autenticidade. Se o facemos, estamos a colaborar na conversión da Igrexa.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire