COMO CRERMOS EN XESÚS
Segundo o evanxelista Xoán, Xesús está conversando coa xente nas beiras do lago de Galilea. Xesús dilles que non traballen por calquera cousa, que non pensen só nun «alimento perecedoiro». O importante é traballar tendo como horizonte «a vida eterna».
Sen dúbida é así. Xesús ten razón. Pero cal é o traballo que quere Deus? Esta é a pregunta da xente: como podemos ocuparnos nos traballos que Deus quere? A resposta de Xesús non deixa de ser desconcertante. O único traballo que Deus quere é este: «Que creades en que Deus vos enviou». Que significa isto?
«Crer en Xesús» non é unha experiencia teórica, un exercicio mental. Non consiste simplemente nunha adhesión relixiosa. É un «traballo» no que os seus seguidores terán de ocupárense ao longo da súa vida. Crer en Xesús é algo que temos de coidar e traballar día a día.
«Crer en Xesús» é configurarmos a vida desde el, convencidos de que a súa vida foi verdadeira: unha vida que conduce á vida eterna. O seu xeito de vivir a Deus como Pai, a súa forma de reaccionar sempre con misericordia, o seu empeño en espertar esperanza é o mellor que pode facer o ser humano.
«Crer en Xesús» é vivirmos e traballar por algo último e decisivo; esforzarse por un mundo máis humano e xusto; facer máis real e máis críbel a paternidade de Deus; non esquecermos aos que corren o risco de ficaren esquecidos de todos, ata das relixións. E facer todo isto sabendo que o noso pequeno compromiso, sempre pobre e limitado, é o traballo máis humano que podemos facer.
Por iso, desentendérmonos da vida dos demais, vivirmos todo con indiferenza, encerrarnos só nos nosos intereses, ignorarmos o sufrimento da xente que atopamos no noso camiño, etc., son actitudes que indican que non estamos «traballando» a nosa fe en Xesús.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire