ALEGRIA E PAZ
Non lles resultaba doado aos discípulos expresaren o que estaban a viviren. Véselles acudir a toda clase de recursos narrativos. O núcleo, con todo, sempre é o mesmo: Xesús vive e está de novo con eles. Isto é o decisivo. Recuperan a Xesús cheo de vida.
Os discípulos atópanse con quen os chamou e a quen abandonaron. As mulleres abrazan a quen defendeu a súa dignidade e as acolleu como amigas. Pedro chora ao velo: xa non sabe se o quere máis ca os demais, só sabe que o ama. María de Magdala abre o seu corazón a quen a seduciu para sempre. Os pobres, as prostitutas e os indesexábeis sénteno de novo preto, como naquelas inesquecíbeis comidas a carón del.
Xa non será como en Galilea. Terán que aprender a vivir da fe. Deberán encherse do seu Espírito. Terán que lembrar as súas palabras e actualizar os seus xestos. Pero Xesús, o Señor, está con eles, cheo de vida para sempre.
Todos experimentan o mesmo: unha paz fonda e unha alegría non contida. As fontes evanxélicas, tan sobrias sempre para falar de sentimentos, sublíñano unha e outra vez: o Resucitado esperta neles alegría e paz. É tan central esta experiencia que se pode dicir, sen esaxerar, que desta paz e esta alegría naceu a forza evanxelizadora dos seguidores de Xesús.
Onde está hoxe esa alegría nunha Igrexa ás veces tan cansa, tan seria, tan pouco dada ao sorriso, con tan pouco humor e humildade para recoñecer sen problemas os seus erros e limitacións? Onde está esa paz nunha Igrexa tan chea de medos, tan obsesionada polos seus propios problemas, buscando tantas veces a súa propia defensa antes do que a felicidade da xente?
Até cando poderemos seguir defendendo as nosas doutrinas de maneira tan monótona e aburrida, se, ao mesmo tempo, non experimentamos a alegría de «vivirmos en Cristo»? A quen atraerá a nosa fe se ás veces non podemos xa nin aparentar que vivimos dela?
E, se non vivimos do Resucitado, quen vai encher o noso corazón? Onde se vai a alimentar a nosa alegría? E, se falta a alegría que brota del, quen vai comunicar algo «novo e bo» aos que dubidan? Quen vai ensinar a crer de maneira máis viva? Quen vai contaxiar esperanza aos que sofren?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire