UNHA PREGUNTA DECISIVA
«E vós, quen dicides que son eu?». Esta pregunta de Xesús non está dirixida só aos seus primeiros seguidores. É a cuestión fundamental á que habemos de responder sempre os que nos confesamos cristiáns.
A nosa primeira reacción pode ser atoparmos rapidamente unha resposta doutrinal e confesar de maneira rutineira que Xesús é o «Fillo de Deus encarnado», o «Redentor» do mundo, o «Salvador» da humanidade. Títulos todos eles moi solemnes e ortodoxos, sen dúbida, pero que poden ser pronunciados sen contido vital algún.
A pregunta de Xesús non nos pide simplemente a nosa opinión. Interpélanos, sobre todo, acerca da nosa actitude ante el. E esta non se reflicte só nas nosas palabras, senón sobre todo no noso seguimento concreto a el. Como escribiu algún teólogo: «A breve proposición: “Eu creo que Xesús é o Fillo de Deus”, significa algo completamente distinto se a pronuncia Francisco de Asís ou a pronuncia un calquera dos actuais ditadores do mundo. O Deus destes homes non é o mesmo, ou, polo menos, o Deus ao que cada un invoca para dirixir a súa conduta».
As palabras de Xesús piden unha opción radical. Ou ben Xesús é para nós un personaxe máis, xunto a outros moitos da historia, ou ben é a Persoa decisiva que nos proporciona a comprensión última da existencia, dá a orientación decisiva á nosa vida e ofrécenos a esperanza definitiva.
A pregunta «quen dicides que son eu?» cobra entón un contido novo. Non é xa unha cuestión sobre Xesús, senón sobre nós mesmos. Quen son eu? En quen creo? Desde onde oriento a miña existencia? A que se reduce a miña fe?
Todos lembraremos unha e outra vez que a fe non se identifica coas fórmulas que pronunciamos. Para comprendermos mellor o alcance de «o que eu creo» é necesario verificar como vivo, a que aspiro, en que me comprometo.
Por iso, a pregunta de Xesús, máis do que un exame sobre a nosa ortodoxia, debería ser a chamada a un estilo de vida cristiá. Evidentemente non se trata de dicir ou crer calquera cousa acerca de Cristo. Pero tampouco de facermos solemnes profesións de fe ortodoxa para vivir daquela moi lonxe do espírito que esa mesma proclamación de fe esixe e leva consigo.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




