UNHA RELIXIÓN BALEIRA DE DEUS
Os cristiáns da primeira e segunda xeración lembraban a Xesús non tanto coma un home relixioso, senón como un profeta que denunciaba con audacia os perigos e trampas de toda relixión. O seu non era a observancia piadosa á cima de todo, senón a procura apaixonada da vontade de Deus.
Marcos, o evanxeo máis antigo e directo, presenta a Xesús en conflito cos sectores máis piadosos da sociedade xudía. Entre as súas críticas máis radicais hai que destacar dúas: O escándalo dunha relixión baleira de Deus. E o pecado de substituír a súa vontade por «tradicións humanas» ao servizo doutros intereses.
Xesús cita ao profeta Isaías: «Este pobo hónrame de labios para fóra, pero o seu corazón está lonxe de min. O culto que me dan está baleiro, porque a doutrina que ensinan son preceptos humanos». E logo denuncia en termos claros onde está a trampa: «Deixades de lado o mandamento de Deus para aferrarvos á tradición dos homes».
Este é o gran pecado. Unha vez que establecemos as nosas normas e tradicións, colocámolas no lugar que só ten de ocupar Deus. Poñémolas cima mesmo da súa vontade: non hai que pasar por alto a máis mínima prescrición, aínda que vaia contra o amor e faga dano ás persoas.
Nesa relixión, o que importa non é Deus, senón outro tipo de intereses. A Deus hónraselle cos beizos, pero o corazón está moi lonxe del. Pronúnciase un credo obrigatorio, pero crese no que convén. Cúmprense ritos, pero non hai obediencia a Deus, senón aos homes.
Aos poucos imos esquecendo a Deus e logo esquecemos que o esquecemos. Empequenecemos erebaixamos o evanxeo para non termos que converternos demasiado. Orientamos a vontade de Deus cara ao que nos interesa e esquecemos a súa esixencia absoluta de amor.
Este pode ser hoxe o noso pecado. Agarrarnos como por instinto a unha relixión desgastada e xa sen forza para transformar as nosas vidas. Seguir honrando a Deus só cos beizos. Resistírmonos á conversión e vivimos esquecidos do proxecto de Xesús: a construción dun mundo novo segundo o corazón de Deus.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire