SAÍR DO ILLAMENTO
A soidade converteuse nunha das pragas máis graves da nosa sociedade. Os homes e mulleres construímos pontes e autoestradas para comunicármonos con máis rapidez. Colocamos satélites no espazo para transmitirmos toda clase de ondas entre os continentes. Desenvolvemos telefonía móbil e comunicación por Internet. Pero a meirande parte de moitas persoas están cada vez máis soas.
O contacto humano arrefriouse en moitos ámbitos da nosa sociedade. A xente non se sente apenas responsábel dos demais. Cada un vive fechado no seu mundo. Non é fácil o agasallo da verdadeira amizade.
Hai quen perdeu a capacidade de chegar a un encontro cálido, cordial, sincero. Non somos xa capaces de acollermos e amar sinceramente a ninguén. Moitos non se senten comprendidos nin amados por ninguén. Relaciónanse cada día con moita xente, pero en realidade non se atopan con ninguén. Viven co corazón bloqueado. Pechados a Deus e pechados aos demais.
Segundo o relato evanxélico, para liberar ao xordomudo da súa enfermidade, Xesús pídelle a súa colaboración: «Ábrete». E non é esta a invitación que temos de escoitar tamén hoxe para rescatar o noso corazón do illamento?
As causas desta falta de comunicación son sen dúbida moi diversas. Pero tamén é verdade que con frecuencia, teñen a súa raíz no noso pecado. Cando actuamos egoistamente afastámonos dos demais, separámonos da vida e encerrámonos en nós mesmos. Querendo defender a nosa propia liberdade e independencia caemos no risco de vivirmos cada vez máis sós.
Sen dúbida é bo aprendermos novas técnicas de comunicación. Pero temos de aprender, antes de nada, a abrírmonos á amizade e ao amor verdadeiro. O egoísmo, a desconfianza e a insolidariedade son tamén hoxe o que máis nos separa e nos illa uns dos outros. Por iso, a conversión ao amor é camiño indispensábel para escaparmos da soidade. Quen se abre ao amor ao Pai e aos irmáns non está só. Vive de maneira solidaria.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire