ÍDOLOS PRIVADOS
Hai algo que resulta escandaloso e insoportábel a quen se achega a Xesús desde o clima de autosuficiencia que se vive na sociedade moderna. Xesús é radical á hora de pedir unha adhesión á súa persoa. O seu discípulo ha subordinar todo ao seguimento incondicional.
Non se trata dun «consello evanxélico» para un grupo de cristiáns selectos ou unha elite de esforzados seguidores. É a condición indispensábel de todo discípulo. As palabras de Xesús son claras e rotundas. «O que non renuncia a todos os seus bens non pode ser discípulo meu».
Todos sentimos no máis fondo do noso ser o anhelo de liberdade. E, con todo, hai unha experiencia que se segue impoñendo xeración tras xeración: o ser humano parece condenado a ser «escravo de ídolos». Incapaces de bastarnos a nós mesmos, pasamos a vida buscando algo que responda ás nosas aspiracións e desexos máis fundamentais.
Cada un buscamos un «deus» para vivirmos, algo que inconscientemente convertemos no esencial da nosa vida: algo que nos domina e se apropia de nós. Buscamos ser libres e autónomos, pero, ao parecer, non podemos vivir sen entregarnos a algún «ídolo», que determina a nosa vida enteira.
Estes ídolos son moi diversos: diñeiro, éxito, poder, prestixio, sexo, tranquilidade, felicidade custe o que custe… Cada un sabe o nome do seu «deus privado», ao que rende secretamente o seu ser. Por iso, cando nun xesto de «inxenua liberdade» facemos algo «porque nos peta e dá a gana», habemos preguntármonos que é o que naquel momento nos domina e a quen estamos a obedecer en realidade.
A invitación de Xesús é provocativa. Só hai un camiño para crecermos en liberdade, e só o coñece quen se atreve a seguir a Xesús incondicionalmente, colaborando con el no proxecto do Pai: construír un mundo xusto e digno para todos.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire





