RECOÑECERMOS A XESÚS O CRISTO
O episodio ocupa un lugar central e decisivo no relato de Marcos. Os discípulos levan xa un tempo convivindo con Xesús. chegou o momento no que se han pronunciaren con claridade. A quen están a seguir? Que é o que descobren en Xesús? Que captan na súa vida, na súa mensaxe e no seu proxecto?
Desde que se uniron a el, viven interrogándose sobre da súa identidade. O que máis lles sorprende é a autoridade con que fala, a forza con que cura aos enfermos e o amor con que ofrece o perdón de Deus aos pecadores. Quen é este home en quen senten tan presente e tan próximo a Deus como Amigo da vida e do perdón?
Por entre a xente que non conviviu con el corren toda clase de rumores, pero a Xesús interésalle a posición dos seus discípulos: «E vós, quen dicides que son eu?». Non chega con que entre eles haxa opinións diferentes máis ou menos acertadas. É fundamental que os que se comprometeron coa súa causa, recoñezan o misterio que se encerra nel. Se non é así, quen manterá viva a súa mensaxe? Que será do seu proxecto do reino de Deus? En que acabará aquel grupo que está tratando de poñer en marcha?
Pero a cuestión é vital tamén para os seus discípulos. Aféctalles radicalmente. Non é posíbel seguir a Xesús de xeito inconsciente e lixeira. Teñen que coñecelo cada vez con máis fondura. Pedro, recollendo as experiencias que viviron xunto del ata ese momento, respóndelle en nome de todos: «Ti es o Mesías».
A confesión de Pedro é aínda limitada. Os discípulos non coñecen aínda a crucifixión de Xesús a mans dos seus adversarios. Nin poden sospeitaren que será resucitado polo Pai como Fillo amado. Non coñecen experiencias que lles permitan captaren todo o que se encerra en Xesús. Só seguíndoo de pertiño, o irán descubrindo con fe crecente.
Para os cristiáns é vital recoñecermos e confesarmos cada vez con máis fondura o misterio de Xesús o Cristo. Se ignora a Cristo, a Igrexa vive ignorándose a si mesma. Se non o coñece, non pode coñecer o máis esencial e decisivo da súa tarefa e misión. Pero, para coñecer e confesar a Xesús Cristo, non basta encher a nosa boca con títulos cristolóxicos admirábeis. É necesario seguilo de cerca e colaborarmos con el día a día. Esta é a principal tarefa que temos de promover nos grupos e comunidades cristiás.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire