DE QUE DISCUTIMOS POLO CAMIÑO?
Segundo o relato de Marcos, ata por tres veces insiste Xesús, camiño de Xerusalén, no destino que lle espera. A súa entrega ao proxecto de Deus non terminará no éxito triunfal que imaxinan os seus discípulos. Ao final haberá «resurrección», pero, aínda que pareza incríbel, Xesús «será crucificado». Os seus seguidores débeno saber.
Con todo, os discípulos non o entenden. Dálles medo ata preguntarlle. Eles seguen pensando que Xesús halles achegar gloria, poder e honra. Non pensan noutra cousa. Ao chegaren á súa casa de Cafarnaún, Xesús failles unha soa pregunta: «De que discutiades polo camiño?» De que falaron ás súas costas nesa conversación, no camiño, na que Xesús estivo ausente?
Os discípulos gardan silencio. Dálles vergoña dicirlle a Xesús a verdade. Porque mentres Xesús lles fala de entrega e fidelidade eles están a pensar en quen será o máis importante. Non cren na igualdade fraterna que busca Xesús. En realidade, o que lles move é a ambición e a vaidade: ser superiores aos demais.
De costas a Xesús e sen que o seu Espírito estea presente, non seguimos nós discutindo hoxe de cousas parecidas?: Ten de renunciar a Igrexa a privilexios multiseculares ou ha seguir a buscar «poder social»? A que congregacións e movementos hai que dar importancia e cales hai que deixar de lado? Que teólogos merecen a honra de seren considerados «ortodoxos» e quen han seren silenciados como marxinais?
Ante o silencio dos seus discípulos, Xesús senta. E chámaos. Ten sumo interese en ser escoitado. E o que vai dicir non debe ser esquecido: «Quen queira ser o primeiro, que sexa o último de todos e o servidor de todos». No seu movemento non hai que mirar tanto aos que ocupan os primeiros postos e teñen renome, títulos e honras. Os importantes son quen, sen pensaren moito no seu prestixio ou reputación persoal, se dedican sen ambicións e con total liberdade a serviren, colaborar e contribuíren ao proxecto de Xesús. Non podemos esquecer isto: o importante non é quedar ben, senón facer o ben seguindo a Xesús.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire