A LÓXICA DE XESÚS
Xesús era xa adulto cando Antipas puxo en circulación moedas acuñadas en Tiberíades. Sen dúbida, a monetización supoñía un progreso no desenvolvemento de Galilea, pero non logrou promover unha sociedade máis xusta e equitativa. Foi ao revés.
Os ricos das cidades podían agora operar mellor nos seus negocios. A monetización permitíalles «atesourar» moedas de ouro e prata que lles proporcionaban seguridade, honra e poder. Por iso a ese tesouro chamábanlle «mammona», diñeiro «que dá seguridade».
Mentres tanto, os campesiños apenas podían facerse con algunhas moedas de bronce ou cobre, de escaso valor. Era impensábel atesourar mammona nunha aldea. Bastante tiñan con subsistiren intercambiándose entre eles os seus modestos produtos.
Como ocorre case sempre, o progreso daba máis poder aos ricos e afundía un pouco máis aos pobres. Así non era posíbel acoller o reino de Deus e a súa xustiza. Xesús non calou: «Ningún servo pode servir a dous amos, pois hase dedicar a un e non fará caso do outro… Non podedes servir a Deus e ao Diñeiro (mammona)». Hai que escoller. Non hai alternativa.
A lóxica de Xesús é esmagadora. Se un vive subxugado polo Diñeiro, pensando só en acumular bens, non pode servir a ese Deus que quere unha vida máis xusta e digna para todos, empezando polos últimos.
Para sermos de Deus non basta formar parte do pobo elixido nin darlle culto no templo. É necesario manterse libre ante o Diñeiro e escoitar a súa chamada a traballar por un mundo máis humano.
Algo falla no cristianismo dos países ricos cando somos capaces de afanarnos por acrecentarmos máis e máis o noso benestar sen sentirnos interpelados pola mensaxe de Xesús e o sufrimento dos pobres do mundo. Algo falla cando pretendemos vivirmos o imposíbel: o culto a Deus e o culto ao Benestar.
Algo vai mal na Igrexa de Xesús cando, no canto de gritarmos coa nosa palabra e a nosa vida que non é posíbel a fidelidade a Deus e o culto á riqueza, contribuímos a adormentarmos as conciencias desenvolvendo unha relixión burguesa e tranquilizadora.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire





