E SON DOS NOSOS?
O evanxelista Marcos describe un episodio no que Xesús corrixe de maneira contundente unha actitude equivocada dos Doce. E non teremos de escoitarmos hoxe tamén nós a súa advertencia?
Os Doce tratan de impedírenlle a actividade a un home que «expulsa demos». É dicir, a alguén dedicado a liberar ás persoas do mal que as escraviza, devolvéndolles a súa liberdade e dignidade. É un home preocupado por facer o ben á xente. Mesmo actúa «en nome de Xesús». Pero os Doce observan algo que, ao seu xuízo, é moi grave: «Non é dos nosos!».
O Doce non toleran a actividade liberadora de alguén que non estea con eles. Parécelles inadmisíbel. Só a través da adhesión ao seu grupo ha de levarse a cabo a salvación que ofrece Xesús. Non se fixan no ben que fai aquel home. Preocúpalles so que non estea con eles.
Xesús, pola contra, reproba de maneira rotunda a actitude dos seus discípulos. Quen desenvolve unha actividade humanizadora está xa, dalgunha maneira, vinculado a Xesús e ao seu proxecto de salvación. Os seus seguidores non teñen a misión de monopolizaren a salvación de Deus.
Os Doce queren exercer un control sobre a actividade de quen non pertence ao seu grupo e ven nel un rival. Xesús, que só busca o ben do ser humano, ve nel un aliado e un amigo: «O que non está contra nós está a favor noso».
A crise que sofre hoxe a Igrexa é unha oportunidade para que os seguidores de Xesús lembremos que a nosa primeira tarefa non é organizarmos e desenvolvermos con éxito a nosa propia relixión. Senón a de sermos fermento dunha humanidade nova.
Por iso non temos de vivirmos receosos, condenando posicións ou iniciativas que non se axustan aos nosos desexos ou esquemas relixiosos. Non é moi propio da Igrexa de Xesús estar sempre vendo inimigos por todas partes. El convídanos a sabermos alegrármonos do que xentes e institucións alleas á Igrexa poden estar a faceren por un desenvolvemento máis humano da vida. E «son dos nosos» porque loitan pola mesma causa: un ser humano máis digno da súa condición de fillo de Deus.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire