ORAR DESDE A DÚBIDA
No crente poden xurdir dúbidas sobre un punto ou outro da mensaxe cristiá. A persoa pregunta como ten de entender unha determinada afirmación bíblica ou un aspecto concreto do dogma cristián. Son cuestións que están pedindo unha maior clarificación.
Pero hai persoas que experimentan unha dúbida máis radical, que afecta á totalidade. Por unha banda senten que non poden ou non deben abandonaren a súa relixión, pero por outra non son capaces de pronunciaren con sinceridade ese «si» total que implica a fe.
Quen se ve así adoita experimentar, polo xeral, un malestar interior que lle impide abordar con paz e serenidade a súa situación. Pode sentirse tamén culpábel. Que me puido pasar para chegar a isto? Que podo facer nestes momentos? Talvez o primeiro é abordar positivamente esta situación ante Deus.
A dúbida fainos experimentar que non somos capaces de «posuír» a verdade. Ningún ser humano «posúe» a verdade última de Deus. Aquí non serven as certezas que manexamos noutras ordes da vida. Ante o misterio último da existencia temos de camiñar con humildade e sinceridade.
A dúbida, por outra banda, pon a proba a miña liberdade. Ninguén pode responder no meu lugar. Son eu mesmo quen estou enfrontado á miña propia liberdade e quen teño que pronunciar un «si» ou un «non».
Por iso, a dúbida pode ser o mellor revulsivo para espertarmos dunha fe infantil e superarmos un cristianismo convencional. O primeiro non é atopar respostas ás miñas interrogantes concretas, senón preguntarme que orientación lle quero dar á miña vida. Desexo realmente achar a verdade? Estou disposto a deixarme interpelar pola verdade do Evanxeo? Prefiro vivir sen buscar verdade algunha?
A fe brota do corazón sincero que se detén a escoitar a Deus. Como di o teólogo catalán E. Vilanova, «a fe non está nas nosas afirmacións ou nas nosas dúbidas. Está máis aló: no corazón… que ninguén, excepto Deus, coñece».
O importante é ver se o noso corazón busca a Deus ou máis ben o esquiva. Malia toda clase de interrogantes e incertezas, se de verdade buscamos a Deus, sempre podemos dicir desde o fondo do noso corazón esa oración dos discípulos: «Señor, auméntanos a fe». Quen ora así xa é crente.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire