FE MÁIS VIVA EN XESÚS
«Auméntanos a fe». Así lle piden os apóstolos a Xesús: «Engádenos máis fe á que xa temos». Senten que a fe que viven desde nenos dentro de Israel é insuficiente. A esa fe tradicional han engadirlle «algo máis» para seguiren a Xesús. E quen mellor do que el para darlles o que falta á súa fe?
Xesús respóndelles con un aquel un tanto enigmático: «Se tivésedes fe coma unha graíña de mostaza, diriades a esta moreira: Arríncate de raíz e plántate no mar, e obedeceríavos». Os discípulos están a pedirlle unha nova dose de fe, pero o que necesitan non é iso. O seu problema consiste en que a fe auténtica que hai no seu corazón non chega nin a «unha graíña de mostaza».
Xesús quer dicirlles: o importante non é a cantidade de fe, senón a calidade. Que coidedes dentro do voso corazón unha fe viva, forte e eficaz. Para entendérmonos, unha fe capaz de «arrincar» árbores como a figueira ou sicómoro, símbolo de solidez e estabilidade, para «plantalo» no medio do lago de Galilea.
O primeiro que necesitamos hoxe os cristiáns non é «aumentar» a nosa fe en toda a doutrina que fomos formulando ao longo dos séculos. O decisivo é reavivar en nós unha fe viva e forte en Xesús. O importante non é crer cousas, senón crerlle a el.
Xesús é o mellor que temos na Igrexa, e o mellor que podemos ofrecer e comunicar ao mundo de hoxe. Por iso nada hai máis urxente e decisivo para os cristiáns que poñer a Xesús no centro do cristianismo, é dicir, no centro das nosas comunidades e os nosos corazóns.
Para iso necesitamos coñecelo de maneira máis viva e concreta, comprendermos mellor o seu proxecto, captar ben a súa intención de fondo, sintonizarmos con el, recuperarmos o «lume» que el acendeu nos seus primeiros seguidores, contaxiarnos da súa paixón por Deus e a súa compaixón polos últimos. Se non é así, a nosa fe seguirá máis pequena do que «unha graíña de mostaza». Non «arrincará» árbores nin «plantará» nada novo.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




