ATA CANDO VAI DURAR ISTO?
A parábola é breve e enténdese ben. Ocupan a escena dúas personaxes que viven na mesma cidade. Un «xuíz» ao que lle faltan dúas actitudes consideradas básicas en Israel para sermos humanos. «Non teme a Deus» e «non lle importan as persoas». É un home xordo á voz de Dios e indiferente ao sufrimento dos oprimidos.
A «viúva» é unha muller soa, sen un esposo que a protexa e sen apoio social algún. Na tradición bíblica, estas «viúvas» son, xunto cos orfos e os estranxeiros, o símbolo das xentes máis indefensas. Os máis pobres dos pobres.
A muller non pode facer outra cousa do que insistir e insistir, moverse unha e outra vez para reclamar os seus dereitos, sen resignarse aos abusos do seu «adversario». Toda a súa vida se converte nun berro incesante: «Faime xustiza».
Durante un tempo, o xuíz non reacciona. Non se deixa conmover; non quere atender aquel berro incesante. Despois reflexiona e decide actuar. Non por compaixón nin por xustiza. Sinxelamente para evitar molestias e para que as cousas non vaian a máis.
Se un xuíz tan mesquiño e egoísta termina facendo xustiza a esta viúva, Deus, que é un Pai compasivo, atento aos máis indefensos, «non fará xustiza aos seus elixidos, que lle gritan día e noite?».
A parábola encerra antes nada unha mensaxe de confianza. Os pobres non están abandonados á súa sorte. Deus non é xordo aos seus berros. Está permitida a esperanza. A súa intervención final é segura. Pero non está a tardar demasiado?
De aí a pregunta inquietante do evanxeo. Habemos confiar; habemos invocar a Deus de maneira incesante e sen desencoraxarnos; habemos «gritarlle» que faga xustiza aos que ninguén defende. Pero, «cando veña o Fillo do home, atopará esta fe na terra?».
É a nosa oración un berro a Deus, pedindo xustiza para os pobres do mundo ou substituímola por outra, chea do noso propio eu? Ecoa na nosa liturxia o clamor dos que sofren? E tamén o noso desexo dun benestar sempre mellor e máis seguro?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



