TESTEMUÑAS DA LUZ
É curioso como se presenta no cuarto evanxeo a figura do Bautista. É un «home», sen máis cualificativos nin precisións. Nada se nos di da súa orixe ou condición social. El mesmo sabe que non é importante. Non é o Mesías, non é Elías, nin sequera é o Profeta que todos están esperando. Só se ve a si mesmo como «a voz que grita no deserto: Achaiádelle o camiño ao Señor». Con todo, Deus envíao como «testemuña da luz», capaz de espertar a fe de todos. Unha persoa que pode contaxiar luz e vida. Que é ser testemuña da luz.
A testemuña é coma Xoán. Non se dá importancia. Non busca ser orixinal nin chamar a atención. Non trata de impactar a ninguén. Sinxelamente vive a súa vida de xeito convencido. Vese que Deus ilumina a súa vida. Irrádiao no seu xeito de vivir e de crer.
A testemuña da luz non fala moito, pero é unha voz. Vive algo inconfundíbel. Comunica o que a el lle fai vivir. Non di cousas sobre Deus, pero contaxia «algo». Non ensina doutrina relixiosa, pero invita a crer. A vida da testemuña atrae e esperta interese. Non culpabiliza a ninguén. Non condena. Contaxia confianza en Deus, libera de medos. Abre sempre camiños. É coma o Bautista, «achaia os camiños ao Señor».
A testemuña séntese débil e limitada. Moitas veces comproba que a súa fe non atopa apoio nin eco social. Ata se ve rodeada de indiferenza ou rexeitamento. Pero a testemuña de Deus non xulga a ninguén. Non ve aos demais como adversarios a combater ou convencer: Deus sabe moi ben como atoparse con cada un dos seus fillos e fillas.
Dise que o mundo actual estase a converter nun «deserto», pero a testemuña revélanos que algo sabe de Deus e do amor, algo sabe da «fonte» e de como se acalma a sede de felicidade que hai no ser humano. A vida está chea de pequenas testemuñas. Son crentes sinxelos, humildes, coñecidos só na súa contorna. Persoas entrañabelmente boas. Viven desde a verdade e o amor. Eles nos «alisan o camiño» cara a Deus. Son o mellor que temos na Igrexa.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire