PARA XESÚS NON HAI CASOS PERDIDOS
Xesús alerta con frecuencia sobre o risco de quedarmos atrapados pola atracción irresistíbel do diñeiro. O desexo insaciábel de benestar material pode botar a perder a vida dunha persoa. Non fai falta ser moi rico. Quen vive escravo do diñeiro termina encerrado en si mesmo. Os demais non contan. Segundo Xesús, «onde estea o voso tesouro, alí estará o voso corazón».
Esta visión do perigo deshumanizador do diñeiro non é un recurso do Profeta indignado de Galilea. Diferentes estudos analizan o poder do diñeiro como unha forza ligada a pulsións profundas de autoprotección, procura de seguridade e medo á caducidade da nosa existencia.
Para Xesús, a atracción do diñeiro non é unha especie de enfermidade incurábel. É posíbel liberarse da súa escravitude e empezar unha vida máis sa. O rico non é «un caso perdido». É moi esclarecedor o relato de Lucas sobre o encontro de Xesús cun home rico de Xericó.
Ao atravesar a cidade, Xesús atópase cunha escena curiosa. Un home de pequena estatura subiu a unha figueira para poder velo de cerca. Non é un descoñecido. Trátase dun rico, poderoso xefe de recadadores. Para a xente de Xericó, un ser desprezábel, un recadador corrupto e sen escrúpulos. Para os sectores relixiosos, “un pecador” sen conversión posíbel, excluído de toda salvación.
Con todo, Xesús faille unha proposta sorprendente: «Zaqueu, baixa deseguida porque hoxe teño que aloxarme na túa casa». Xesús quere ser acollido na súa casa de pecador, no mundo de diñeiro e de poder deste home desprezado por todos. Zaqueu baixou enseguida e recibiuno con alegría. Non ten medo de deixar entrar na súa vida ao defensor dos pobres.
Lucas non explica o que sucedeu naquela casa. Só di que o contacto con Xesús transforma radicalmente ao rico Zaqueu. O seu compromiso é firme. En diante pensará nos pobres: compartirá con eles os seus bens. Recordará tamén ás vítimas das que abusou: devolveralles con fartura o roubado. Xesús introduciu na súa vida xustiza e amor solidario.
O relato conclúe cunhas palabras admirábeis de Xesús: «Hoxe entrou a salvación nesta casa, pois tamén este é fillo de Abrahán. Porque o Fillo do Home veu a buscar e salvar o que estaba perdido». Tamén os ricos poden convertérense. Con Xesús todo é posíbel. Non o habemos esquecer ninguén. El veu para buscar e salvar o que nós podemos estar botando a perder. Para Xesús non hai casos perdidos.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire