DECISIÓN DE
CADA UN
Xesús non se dedicou a falar moito da vida eterna. Non pretende enganar a ninguén facendo descricións fantasiosas da vida máis aló da morte. Con todo, a súa vida enteira esperta esperanza. Vive aliviando o sufrimento e liberando do medo á xente. Contaxia unha confianza total en Deus. A súa paixón é facer a vida máis humana e ditosa para todos, tal como a quere o Pai de todos.
Só cando un grupo de saduceos se lle achega coa idea de ridiculizaren a fe na resurrección, a Xesús brótalle do seu corazón crente a convicción que sostén e alenta a súa vida enteira: Deus «non é un Deus de mortos, senón de vivos, porque para el todos son vivos».
A súa fe é sinxela. É verdade que nós choramos aos nosos seres queridos porque, ao morreren, perdémolos aquí na terra, pero Xesús non pode nin imaxinar que a Deus se lle vaian morrendo eses fillos seus aos que tanto ama. Non pode ser. Deus está compartindo a súa vida con eles porque os acolleu no seu amor insondábel.
O trazo máis preocupante do noso tempo é a crise da esperanza. Perdemos o horizonte dun futuro último e as pequenas esperanzas desta vida non terminan de consolarnos. Este baleiro de esperanza está xerando en bastantes a perda de confianza na vida. Nada merece a pena. É fácil entón o nihilismo total.
Estes tempos de desesperanza, non nos están pedindo a todos, crentes e non crentes, facérmonos as preguntas máis radicais que levamos dentro? Ese Deus do que moitos dubidan, ao que bastantes abandonaron e polo que outros seguen preguntando, non será o fundamento último no que podemos apoiar a nosa confianza radical na vida? Ao final de todos os camiños, no profundo de todos os nosos anhelos, no interior dos nosos interrogantes e loitas, non estará Deus como Misterio último da salvación que andamos a buscar?
A fe estásenos quedando aí, acantoada nalgún lugar do noso interior, como algo pouco importante, que non merece a pena coidar xa nestes tempos. Será así?
Certamente non é fácil crer, e é difícil non crer. Mentres tanto, o misterio último da vida estanos a pedir unha resposta lúcida e responsábel. Esta resposta é decisión de cada un.
Quero borrar da miña vida toda esperanza última máis aló da morte como unha falsa ilusión que non nos axuda a vivir? Quero permanecer aberto ao Misterio último da existencia confiando que aí atoparemos a resposta, a acollida e a plenitude que andamos buscando xa desde agora?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire