OLLOS NOVOS
O relato do cego de Siloé está estruturado desde a clave dun forte contraste. Os fariseos creen sabelo todo. Non dubidan de nada. Impoñen a súa verdade. Chegan mesmo a expulsar da sinagoga ao pobre cego: «Nós sabemos que a Moisés faloulle Deus». «Sabemos que ese home que te curou non garda o sábado». «Sabemos que é pecador».
Pola contra, o esmoleiro curado por Xesús non sabe nada. Só conta a súa experiencia a quen lle queira escoitar: «Só sei que eu era cego e agora vexo». «Ese home andoume nos ollos e empecei a ver». O relato conclúe con esta advertencia final de Xesús: «Eu vin para que os que non ven, vexan, e os que ven, queden cegos».
A Xesús dálle medo unha relixión defendida por escribas seguros e arrogantes, que manexan autoritariamente a Palabra de Deus para impola, utilizala como arma ou mesmo excomungar aos que senten de maneira diferente. Teme aos doutores da lei, máis preocupados por «gardar o sábado» do que por «curar» a esmoleiros enfermos. Parécelle unha traxedia unha relixión con «guías cegos» e dío abertamente: «Se un cego guía a outro cego, os dous caerán ao foxo».
Teólogos, predicadores, catequistas e educadores, que pretendemos «guiar» a outros sen talvez habernos deixado iluminar nós mesmos por Xesús, non habemos de escoitar a súa interpelación? Imos seguir repetindo incansabelmente as nosas doutrinas sen vivirmos unha experiencia persoal de encontro con Xesús que nos abra os ollos e o corazón?
A nosa Igrexa non necesita hoxe predicadores que enchan as igrexas de palabras, senón testemuñas que contaxien, aínda que sexa de maneira humilde, a súa pequena experiencia do evanxeo. Non necesitamos fanáticos que defendan «verdades» de maneira autoritaria e con linguaxe baleira, tecido de tópicos e frases feitas. Necesitamos crentes de verdade, atentos á vida e sensíbeis aos problemas da xente, buscadores de Deus capaces de escoitaren e acompañar con respecto a tantos homes e mulleres que sofren, que buscan e non acertan a viviren de maneira nin máis humana nin máis crente.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire