
COS BRAZOS
SEMPRE ABERTOS
Para moitos, Deus é calquera cousa menos alguén capaz de poñer alegría na súa vida. Pensar nel tráelles malos recordos: no seu interior espértase a idea dun ser ameazador e esixente, que fai a vida máis amoladora, incómoda e perigosa.
Aos poucos prescindiron del. A fe ficou así «reprimida» no seu interior. Hoxe non saben se cren, se non cren ou deixan de crer. Ficaron sen camiños cara a Deus. Algúns recordan aínda «a parábola do fillo pródigo», pero nunca a escoitaron no seu corazón.
O verdadeiro protagonista desta parábola é o pai. Por dúas veces repite o mesmo grito de alegría: «Este meu filliño estaba morto e volveu á vida: estaba perdido e atopámolo». Este grito revela o que hai no seu corazón de pai.
A este pai non lle preocupa o seu honor, os seus intereses, nin o trato que lle dan os seus fillos. Non emprega nunca unha linguaxe moral. Só pensa na vida do seu fillo: que non quede destruído, que non siga morto, que non viva perdido sen coñecer a alegría da vida.
O relato describe con todo detalle o encontro sorprendente do pai co fillo que abandonou o fogar. Estando aínda lonxe, o pai «viuno» vir famento e humillado, e «conmoveuse» ata as entrañas. Esta mirada boa, chea de bondade e compaixón é a que nos salva. Só Deus nos mira así.
Axiña, «botase á présa». Non é o fillo quen volve a casa. É o pai o que sae correndo e busca o abrazo con máis ardor que o seu mesmo fillo. «Botóuselle ao pescozo e púxose a bicalo». Así está sempre Deus. Correndo cos brazos abertos cara aos que volven a el.
O fillo comeza a súa confesión: preparouna largamente no seu interior. O pai interrómpeo para aforrarlle máis humillacións. Non lle impón castigo algún, non lle esixe ningún rito de expiación; non lle pon condición algunha para acollelo na casa. Só Deus acolle e protexe así aos pecadores.
O pai só pensa na dignidade do seu fillo. Hai que actuar de présa. Manda traer o mellor vestido, o anel de fillo e as sandalias para entrar na casa. Así será recibido nun banquete que se vai celebrar xa no seu honor. O fillo ha coñecer xunto ao seu pai a vida digna e ditosa que non puido gozar lonxe del.
Quen oïa esta parábola desde fóra, non entenderá nada. Seguirá camiñando pola vida sen Deus. Quen a escoite no seu corazón, talvez chorará de alegría e agradecemento. Sentirá por vez primeira que o Misterio último da vida é Alguén que nos acolle e nos perdoa porque só quere a nosa alegría.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




