ACERTAR COA PORTA
O evanxeo de Xoán presenta a Xesús con imaxes orixinais e belas. Quere que os seus lectores descubran que só el pode responder plenamente as necesidades máis fundamentais do ser humano. Xesús é «o pan da vida»: quen se alimente del non terá fame. É «a luz do mundo»: quen o siga non camiñará na escuridade. É «o bo pastor»: quen escoite a súa voz atopará a vida.
Entre estas imaxes hai unha, humilde e case esquecida, que, con todo, encerra un contido profundo. «Eu son a porta». Así é Xesús. Unha porta aberta. Quen o segue cruza un limiar que conduce a un mundo novo: unha maneira nova de entender e vivir a vida.
O evanxelista explícao con tres trazos: «Quen entre por min salvarase». A vida ten moitas saídas. Non todas levan ao éxito nin garanten unha vida plena. Quen, dalgunha maneira, sintoniza con Xesús e trata de seguilo, está a entrar pola porta acertada. Non botará a perder a súa vida. Salvaraa.
O evanxelista di algo máis. Quen entra por Xesús «poderá saír e entrar». Ten liberdade de movementos. Entra nun espazo onde pode ser libre, só se se deixa guiar polo Espírito de Xesús. Non é o país da anarquía ou da libertinaxe. «Entra e sae» pasando sempre a través desa «porta» que é Xesús, e móvese seguindo os seus pasos.
Aínda engade o evanxelista outro detalle: quen entre por esa porta que é Xesús «atopará pastos», non pasará fame nin sede. Atopará alimento sólido e abundante para vivir.
Cristo é a «porta» pola que habemos entrar tamén hoxe os cristiáns, se queremos reavivar a nosa identidade. Un cristianismo formado por bautizados que se relacionan cun Xesús mal coñecido, vagamente lembrado, afirmado de cando en vez de maneira abstracta, un Xesús mudo que non di nada especial ao mundo de hoxe, un Xesús que non toca os corazóns… é un cristianismo sen futuro.
Só Cristo nos pode conducir a un nivel novo de vida cristiá, mellor fundamentada, motivada e alimentada no evanxeo. Cada un de nós podemos contribuír a que, na Igrexa dos próximos anos, se sinta e se viva a Xesús de maneira máis viva e apaixonada. Podemos facer que a Igrexa sexa máis de Xesús.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire




