CRER A XESÚS, O CRISTO
Hai na vida momentos de verdadeira sinceridade nos que xorden do noso interior, con lucidez e claridade desacostumadas, as preguntas máis decisivas: en definitiva, eu en que creo?, que é o que espero?, en quen apoio a miña existencia?
Ser cristián é, primeiro de nada, crer a Cristo. Ter a sorte de atopármonos con el. Por encima de toda crenza, fórmula, rito ou ideoloxía, o verdadeiramente decisivo na experiencia cristiá é o encontro con Xesús, o Cristo.
Ir descubrindo por experiencia persoal, sen que ninguén nolo teña que dicir desde fóra, toda a forza, a luz, a alegría, a vida que podemos ir recibindo de Cristo. Poder dicir desde a propia experiencia que Xesús é «camiño, verdade e vida».
En primeiro lugar, descubrilo como camiño. Escoitar nel a invitación para camiñar, avanzar sempre, non deternos nunca, renovármonos constantemente, profundar na vida, construírmos un mundo xusto, facermos unha Igrexa máis evanxélica. Apoiarnos en Cristo para andarmos día a día o camiño doloroso e ao mesmo tempo gozoso que vai desde a desconfianza á fe.
En segundo lugar, atopar en Cristo a verdade. Descubrir desde el a Deus na raíz e na cima do amor que os seres humanos damos e acollemos. Caermos conta, por fin, que a persoa só é humana no amor. Descubrirmos que a única verdade é o amor, e descubrilo achegándonos ao ser concreto que sofre e é esquecido.
En terceiro lugar, atopar en Cristo a vida. En realidade, as persoas cremos a aquel que nos dá vida. Por iso, ser cristián non é admirar a un líder nin formular unha confesión sobre Cristo. É atopármonos cun Cristo vivo e capaz de facernos vivir.
Xesús é «camiño, verdade e vida». É outro modo de camiñar pola vida. Outra maneira de vermos e sentirmos a existencia. Outra dimensión máis fonda. Outra lucidez e outra xenerosidade. Outro horizonte e outra comprensión. Outra luz. Outra enerxía. Outro modo de sermos. Outra liberdade. Outra esperanza. Outro vivir e outro morrer.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



