UN ESTILO DE AMAR
Os cristiáns iniciaron a súa expansión nunha sociedade na que había distintos termos para expresaren o que hoxe nós chamamos amor. A palabra máis usada era filía, que designaba o afecto cara a unha persoa próxima e empregábase para falar da amizade, do agarimo ou do amor aos parentes e amigos. Falábase tamén de eros para designar a inclinación pracenteira, o amor apaixonado ou sinxelamente o desexo orientado cara a quen produce en nós goce e satisfacción.
Os primeiros cristiáns abandonaron practicamente esta terminoloxía e puxeron en circulación outra palabra case descoñecida, agape, á que deron un contido novo e orixinal. Non querían que se confundise con calquera cousa o amor inspirado en Xesús. De aí o seu interese en formular ben o «mandato novo do amor»: «Douvos un mandato novo: que vos amedes uns a outros como eu vos amei».
O estilo de amar de Xesús é inconfundíbel. Non se achega ás persoas buscando o seu propio interese ou satisfacción, a súa seguridade ou benestar. Só pensa en facer o ben, acoller, regalar o mellor que ten, ofrecer amizade, axudar a vivir. Así o recordarán anos máis tarde nas primeiras comunidades cristiás: «Pasou toda a súa vida facendo o ben».
Por iso o seu amor ten un carácter servizal. Xesús ponse ao servizo dos que o poden necesitar máis. Fai sitio no seu corazón e na súa vida a quen non ten sitio na sociedade nin na preocupación das xentes. Defende aos débiles e pequenos, os que non teñen poder para defendérense a si mesmos, os que non son grandes ou importantes. Achégase a quen están sós e desvalidos, aos que non coñecen o amor ou a amizade de ninguén.
O habitual entre nós é amarmos aos que nos aprecian e queren de verdade, sermos cariñosos e atentos cos nosos familiares e amigos, para despois vivirmos indiferentes cara a quen sentimos como estraños e alleos ao noso pequeno mundo de intereses. Con todo, o que distingue ao seguidor de Xesús non é calquera «amor», senón precisamente ese estilo de amar que consiste en achegármonos aos que nos poden necesitar. Non deberiamos esquecelo.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



