PAIXÓN POLA VIDA
Onde está Xesús medra a vida. Isto é o que descobre con gozo quen percorre as páxinas entrañábeis do evanxelista Marcos e atopa ese Xesús que cura aos enfermos, acolle aos desvalidos, sanda aos alleados e perdoa aos pecadores.
Onde está Xesús hai amor á vida, interese polos que sofren, paixón pola liberación de todo mal. Non esquecezamos nunca que a imaxe primeira que nos ofrecen os relatos evanxélicos é a dun Xesús curador. Un home que difunde vida e restaura o que está enfermo.
Por iso atopamos sempre ao seu redor as grandes miserias da humanidade: posuídos, enfermos, paralíticos, leprosos, cegos, xordos. Homes e mulleres aos que lles falta vida; «os que están ás escuras», como diría Bertolt Brecht.
As curacións de Xesús non solucionaron practicamente nada na historia dolorosa dos homes. A súa presenza salvadora non resolveu os problemas. Hai que seguir loitando contra o mal. Pero descubriron algo decisivo e esperanzador. Deus é amigo da vida, e ama apaixonadamente a felicidade, a saúde, o gozo e a plenitude dos seus fillos e fillas.
Inquieta ver con que facilidade nos fomos afacendo á morte: a morte da natureza, destruída pola polución industrial, a morte nas estradas, a morte pola violencia, a morte dos que non chegan a nacer, a morte das almas.
É insoportábel observar con que indiferenza escoitamos cifras aterrecedoras que nos falan da morte de millóns de famentos no mundo, e con que pasividade contemplamos a violencia calada, pero eficaz e constante, de estruturas inxustas que afunden aos débiles na marxinación.
As dores e sufrimentos alleos preocúpannos pouco. Cada un parece interesarse só polos seus problemas, polo seu benestar ou a súa seguridade persoal. A apatía vaise apoderando de moitos. Corremos o risco de facérmonos cada vez máis incapaces de amarmos a vida e de vibrarmos co que non pode vivir feliz.
Os crentes non podemos esquecer que o amor cristián ten de ser sempre interese pola vida, pola procura apaixonada de felicidade para o irmán. O amor cristián é a actitude que nace naquel que descubriu que Deus ama tan apaixonadamente a nosa vida que foi capaz de sufrir a nosa morte, para abrirnos as portas dunha vida eterna compartindo para sempre o seu amor.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire