DAR POR TERMINADO
É a última visita de Xesús a Xerusalén. Algúns dos que o acompañan admíranse ao contemplaren «a beleza do templo». Xesús, pola contra, sente algo moi diferente. Os seus ollos de profeta ven o templo de maneira máis profunda: naquel lugar grandioso non se está acollendo o reino de Deus. Por iso Xesús dáo por acabado: «Isto que contemplades chegará un día no que non ficará pedra sobre pedra: todo será destruído».
De súpeto, as súas palabras romperon o autoengano que se vive na contorna do templo. Aquel edificio espléndido está a alimentar unha ilusión falsa de eternidade. Aquela maneira de viviren a relixión sen acolleren a xustiza de Deus nin escoitaren o clamor dos que sofren é enganosa e perecedoira: «Todo iso será destruído».
As palabras de Xesús non nacen da ira. Menos aínda do desprezo ou do resentimento. O mesmo Lucas dinos un pouco antes: ao achegarse a Xerusalén e ver a cidade, Xesús «botouse a chorar». O seu pranto é profético. Os poderosos non choran. O profeta da compaixón si.
Xesús chora ante Xerusalén porque ama a cidade máis ca ninguén. Chora por unha «relixión vella» que non se abre ao reino de Deus. As súas bágoas expresan a súa solidariedade co sufrimento do seu pobo, e ao mesmo tempo o seu crítica radical a aquel sistema relixioso que obstaculiza a visita de Deus: Xerusalén –a cidade da paz!– «non coñece a quen conduce á paz», porque «está oculto aos seus ollos».
A actuación de Xesús lanza moita luz sobre a situación actual. Ás veces, en tempos de crises, coma os nosos, a única maneira de abrirmos camiños á novidade creadora do reino de Deus é dar por terminado aquilo que alimenta unha relixión caduca, sen xerar a vida que Deus quere introducir no mundo.
Dar por terminado algo vivido de maneira sagrada durante séculos non é fácil. Non se fai condenando a quen o quere conservar como eterno e absoluto. Faise «chorando», pois os cambios esixidos pola conversión ao reino de Dios fan sufrir a moitos. Os profetas denuncian o pecado da Igrexa chorando.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



