É BO CRER
A miúdo pensamos que a fe é algo que ten que ver coa salvación eterna do ser humano, pero non coa felicidade concreta de cada día, que é o que agora mesmo nos interesa. Máis aínda. Hai quen sospeita que sen Deus e sen relixión seriamos máis ditosos. Por iso é saudábel lembrar algunhas conviccións cristiás que puideron quedar esquecidas ou encubertas por unha presentación desacertada ou insuficiente da fe. Velaquí algunhas.
Deus creounos só por amor, non para o seu propio proveito ou pensando no seu interese, senón buscando nosa dita. A Deus o único que lle interesa é o noso ben.
Deus quere a nosa felicidade non só a partir da morte, no que chamamos «vida eterna», senón agora mesmo, nesta vida. Por iso está presente na nosa existencia potenciando o noso ben, nunca o noso dano.
Deus respecta as leis da natureza e a liberdade do ser humano. Non forza nin a liberdade humana nin a creación. Pero está xunto a nós apoiando a nosa loita por unha vida máis humana e atraendo a nosa liberdade cara ao ben. Por iso, en cada momento contamos coa graza de Deus para sermos o máis ditosos posíbel.
A moral non consiste en cumprir unhas leis impostas arbitrariamente por Deus. Se El quere que escoitemos as esixencias morais que levamos dentro do corazón é porque o seu cumprimento é bo para nós. Deus non prohibe o que é bo para o ser humano nin obriga ao que nos pode ser danoso. Só quere o noso ben.
Converterse a Deus non significa decidirse por unha vida máis infeliz, amolante e tediosa, senón en orientarmos a propia liberdade cara a unha existencia máis humana, máis sa e, en definitiva, máis ditosa, aínda que iso esixa sacrificios e renuncia. Ser feliz sempre ten as súas esixencias.
Ser cristián é aprender a «vivir ben» seguindo o camiño aberto por Xesús. As benaventuranzas son o núcleo máis significativo e «escandaloso» dese camiño. Cara á felicidade camíñase con corazón sinxelo e transparente, con fame e sede de xustiza, traballando pola paz con entrañas de misericordia, soportando o peso do camiño con mansedume. Este camiño deseñado nas benaventuranzas leva a coñecermos xa nesta terra a felicidade vivida e experimentada polo mesmo Xesús.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire





