CONFIARMOS NO EVANXEO
A Igrexa ten xa vinte séculos. Atrás fican dous mil anos de fidelidade e tamén de non poucas infidelidades. O futuro parece sombrío. Fálase de signos de decadencia no seu seo: cansazo, avellentamento, falta de audacia, resignación. Crece o desexo de algo novo e diferente, pero tamén a impotencia para xerar unha verdadeira renovación.
O evanxelista Mateu culmina o seu escrito poñendo nos beizos de Xesús unha promesa destinada a alimentar para sempre a fe dos seus seguidores: «Eu estarei convosco todos os días ata a fin do mundo». Xesús seguirá vivo no medio do mundo. O seu movemento non se extinguirá. Sempre haberá crentes que actualicen a súa vida e a súa mensaxe. Marcos dinos que, xa logo da Ascensión de Xesús, os apóstolos «proclamaban o evanxeo por todas partes e o Señor actuaba con eles».
Esta fe lévanos a confiar tamén hoxe na Igrexa: con atrasos e resistencias talvez, con erros e debilidades, sempre seguirá buscando ser fiel ao evanxeo. Lévanos tamén a confiar no mundo e no ser humano: por camiños non sempre claros nin fáciles o reino de Deus seguirá crecendo.
Hoxe hai máis fame e violencia no mundo, pero hai tamén máis conciencia para facelo máis humano. Hai moitos que non creen en relixión algunha, pero creen nunha vida máis xusta e digna para todos, que é, en definitiva, o gran desexo de Deus.
Esta confianza pode darlle un ton diferente ao noso xeito de mirarmos o mundo e o futuro da Igrexa. Pódenos axudar a vivirmos con paciencia e paz, sen caermos no fatalismo e sen desesperarmos do evanxeo.
Temos de sandar as nosas vidas eliminando aquilo que nos baleira de esperanza. Cando nos deixamos dominar polo desencanto, o pesimismo ou a resignación, incapacitámonos para transformarmos a vida e renovarmos a Igrexa. O filósofo norteamericano Herbert Marcuse dicía que «a esperanza só a merecen os que camiñan». Eu diría que a esperanza cristiá só a coñecen os que camiñan tralos pasos de Xesús. Son eles quen poden «proclamaren o evanxeo a toda a creación».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



