CON HUMILDAD
E CONFIANZA
A Xesús preocupáballe que os seus seguidores terminasen un día desalentados ao veren que nos seus esforzos por un mundo máis humano e ditoso non obtiñan o éxito esperado. Esquecerían o reino de Deus? Manterían a súa confianza no Pai? O máis importante é que non esquezan nunca como han traballar.
Con exemplos tomados da experiencia dos campesiños de Galilea anímaos a traballaren sempre con realismo, con paciencia e cunha confianza grande. Non é posíbel abrir camiños ao reino de Deus de calquera xeito. Han fixarse en como traballa el.
O primeiro que han saber é que a súa tarefa é sementar, non recoller. Non vivirán pendentes dos resultados. Non lles ha preocupar a eficacia nin o éxito inmediato. A súa atención centrarase en sementar ben o Evanxeo. Os colaboradores de Xesús han seren sementadores. Nada máis.
Logo de séculos de expansión relixiosa e gran poder social, os cristiáns temos de recuperarmos na Igrexa o xesto humilde do sementeiro. Esquecermos a lóxica do recolledor, que sae sempre a recoller froitos, e entrarmos na lóxica paciente do que sementa un futuro mellor.
Os comezos de toda sementada sempre son humildes. Máis aínda se se trata de sementar o proxecto de Deus no ser humano. A forza do Evanxeo non é nunca algo espectacular ou clamoroso. Segundo Xesús, é como sementar algo tan pequeno e insignificante coma «un gran de mostaza», que xena secretamente no corazón das persoas.
Por iso o Evanxeo só se pode sementar con fe. É o que Xesús nos quere facer ver coas súas pequenas parábolas. O proxecto de Deus de facer un mundo máis humano leva dentro unha forza salvadora e transformadora que xa non depende do sementador. Cando a Boa Noticia dese Deus penetra nunha persoa ou nun grupo humano, alí comeza a medrar algo que nos desborda a nós.
Na Igrexa non sabemos nestes momentos como actuarmos nesta situación nova e inédita, no medio dunha sociedade cada vez máis indiferente e nihilista. Ninguén ten a receita. Ninguén sabe exactamente o que hai que facer. O que necesitamos é buscarmos camiños novos coa humildade e a confianza de Xesús.
Tarde ou cedo, os cristiáns sentiremos a necesidade de volvérmonos ao esencial. Descubriremos que só a forza de Xesús pode rexenerar a fe na sociedade descristianizada dos nosos días. Entón aprenderemos a sementar con humildade o Evanxeo como inicio dunha fe renovada, non transmitida polos nosos esforzos pastorais, senón procreada por el.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire