ABRIR CAMIÑOS NOVOS
Os primeiros cristiáns viron na actuación do Bautista ao profeta que preparou decisivamente o camiño a Xesús. Por iso, ao longo dos séculos, o Bautista converteuse nunha chamada que nos segue a urxir prepararmos camiños que nos permiten acollermos a Xesús entre nós.
Lucas resumiu a súa mensaxe con este grito tomado do profeta Isaías: «Preparade o camiño do Señor». Como escoitar ese grito na Igrexa de hoxe? Como abrir camiños para que os homes e mulleres do noso tempo poidamos atopármonos con el? Como acollelo nas nosas comunidades? O primeiro é tomar conciencia de que necesitamos un contacto moito máis vivo coa súa persoa. Non é posíbel alimentarnos só de doutrina relixiosa. Non é posíbel seguir a Xesús convertido nunha sublime abstracción. Necesitamos sintonizar vitalmente con el, deixármonos atraer polo seu estilo de vida, contaxiarnos da súa paixón por Deus e polo ser humano.
No medio do «deserto espiritual» da sociedade moderna, temos de entender e configurar a comunidade cristiá como un lugar onde se acolle o Evanxeo de Xesús. Vivirmos a experiencia de reunirnos crentes, menos crentes, pouco crentes e, ata, non crentes, en torno ao relato evanxélico de Xesús. Darlle a el a oportunidade de que penetre coa súa forza humanizadora nos nosos problemas, crises, medos e esperanzas.
Non o temos de esquecer. Nos evanxeos non aprendemos doutrina académica sobre Xesús, destinada inevitabelmente a envellecer ao longo dos séculos. Aprendemos un estilo de vivir realizábel en todos os tempos e en todas as culturas: o estilo de vivir de Xesús. A doutrina non toca o corazón, non converte nin namora. Xesús si.
A experiencia directa e inmediata co relato evanxélico fainos nacer a unha nova fe, non por vía de «adoutrinamento» ou de «aprendizaxe teórica», senón polo contacto vital con Xesús. El ensínanos a vivirmos a fe, non por obrigación senón por atracción. Fainos vivir a vida cristiá, non como deber senón como contaxio. En contacto co evanxeo recuperamos a nosa verdadeira identidade de seguidores de Xesús.
Percorrendo os evanxeos experimentamos que a presenza invisíbel e silenciosa do Resucitado adquire trazos humanos e recobra voz concreta. De súpeto todo cambia: podemos vivirmos acompañados por Alguén que pon sentido, verdade e esperanza na nosa existencia. O segredo de toda evanxelización consiste en poñérmonos en contacto directo e inmediato con Xesús. Sen el non é posíbel procrear unha fe nova.
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire