CONTRA O PODER DO VARÓN
Os fariseos fanlle a Xesús unha pregunta para poñelo a proba. Esta vez non é unha cuestión sen importancia. Trátase dun feito e situación real que fai sufrir moito ás mulleres de Galilea e é motivo de vivas discusións entre os seguidores de diversas escolas rabínicas: «É lícito para o marido separarse da súa muller?».
Non se trata do divorcio moderno que coñecemos hoxe, senón da situación en que vivía a muller xudía dentro do matrimonio, controlado absolutamente polo varón. Segundo a Lei de Moisés, o marido podía romper o contrato matrimonial e expulsar de casa á súa esposa. A muller, pola contra, sometida en todo ao varón, non podía facer o mesmo.
A resposta de Xesús sorprende a todos. Non entra nas discusións dos rabinos. Invita a descubriren o proxecto orixinal de Deus, que está á cima de leis e normas. Esta lei «machista», esta en concreto, impúxose no pobo xudeu pola dureza do corazón dos varóns, que controlan ás mulleres e as someten á súa vontade.
Xesús afonda no misterio orixinal do ser humano. Deus «creounos varón e muller». Os dous foron creados en igualdade. Deus non creou ao varón con poder sobre a muller. Non creou á muller sometida ao varón. Entre varóns e mulleres non pode haber dominación por parte de ninguén.
Desde esta estrutura orixinal do ser humano Xesús ofrece unha visión do matrimonio que vai máis aló de todo o establecido pola Lei. Mulleres e varóns uniranse para «seren unha soa carne» e han iniciar unha vida compartida na mutua entrega, sen imposición nin submisión.
Este proxecto matrimonial é para Xesús a suprema expresión do amor humano. O varón non ten dereito algún a controlar á muller coma se fose o seu dono. A muller non ha aceptar vivir sometida ao varón. É Deus mesmo quen os atrae a viviren unidos por un amor libre e gratuíto. Xesús conclúe de xeito rotundo: «O que Deus uniu que non o separe o home».
Con esta posición, Xesús está destruíndo de raíz o fundamento do patriarcado baixo todas as súas formas de control, sometemento e imposición do varón sobre a muller. Non só no matrimonio, senón en calquera institución civil ou relixiosa.
Temos de escoitarmos a mensaxe de Xesús. Non é posíbel abrir camiños ao reino de Deus e a súa xustiza sen loitarmos activamente contra o patriarcado. Cando reaccionaremos na Igrexa con enerxía evanxélica contra tanto abuso, violencia e agresión do varón sobre a muller? Cando defenderemos á muller da «dureza de corazón» dos varóns?
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire



