CARGAR COA CRUZ
O que fai de nós sermos cristiáns é seguirmos a Xesús. Nada máis. Este seguimento de Xesús non é algo teórico ou abstracto. Significa seguir os seus pasos, comprometernos coma el a «humanizar a vida». E vivirmos así contribuíndo a que, aos poucos, se vaia facendo realidade o seu proxecto dun mundo onde reine Deus e a súa xustiza.
Isto quer dicir que os seguidores de Xesús estamos chamados a poñer verdade onde hai mentira, a introducir xustiza onde hai abusos e crueldade cos máis débiles, a reclamar compaixón onde hai indiferenza ante os que sofren. E isto esixe construír comunidades onde se viva o proxecto de Xesús, co seu espírito e as súas actitudes.
Seguir así a Xesús trae consigo conflitos, problemas e sufrimento. Hai que estar dispostos a cargar coas reaccións e resistencias de quen, por unha razón ou outra, non buscan un mundo máis humano, tal como o quere ese Deus encarnado en Xesús. Queren outra cousa.
Os evanxeos conservaron unha chamada realista de Xesús aos seus seguidores. O escandaloso da imaxe só pode vir del: «Se alguén quere vir detrás de min, cargue sobre as súas propias costas a súa cruz e sígame». Xesús non os engana. Se o seguen de verdade, terán de compartiren o seu destino. Terminarán coma el. Esa será a mellor proba de que o seu seguimento é fiel.
Seguir a Xesús é unha tarefa apaixonante: é difícil imaxinar unha vida máis digna e nobre. Pero ten un prezo. Para seguir a Xesús é importante «facer»: facer un mundo máis xusto e máis humano; facer unha Igrexa máis fiel a Xesús e máis coherente co evanxeo Con todo, é tan importante ou máis «padecer»: padecer por un mundo máis digno; padecer por unha Igrexa máis evanxélica.
Ao final da súa vida, o teólogo Karl Rahner escribiu isto: «Creo que ser cristián é a tarefa máis sinxela, máis simple e, á vez, é aquela pesada “carga lixeira” da que fala o evanxeo. Cando un carga con ela, ela carga con un. E canto máis tempo viva un, tanto máis pesada e máis lixeira chegará a ser. Ao final só queda o misterio. Pero o misterio é o de Xesús».
José Antonio Pagola
Tradutor: Xaquin Campo Freire